O Entroido en Galiza

Entroido
Artigos anteriores

O 3 de febreiro de 1937 ditouse unha orde circular para todos os gobernadores civís do estado español, na que se ordenaba a suspensión das festas do entroido. Ao rematar a guerra, Serrano Suñer, como ministro da Gobernación, promulgou unha orde o 12 de xaneiro de 1940 na que se mantiña a prohibición. Estaba claro que unha festa cun alto contido pagán non casaba moito co espírito dos que se alzaran contra  a República co apoio total da Igrexa, contraria tradicionalmente a estas manifestacións lúdicas.

O entroido, malia a prohibición, perdurou en algunhas zonas do rural como os peliqueiros de Laza ou as madamas de Vilaboa, aínda que moitas tradicións se perderon. No medio urbano si se foron celebrando algunhas festas en espazos pechados, máis doados de controlar polas autoridades pero para as que era preciso pedir permiso ás mesmas.

Desde finais dos anos 70 comeza o proceso de recuperación das festas de entroido tanto desde as aldeas e das formas máis ancestrais, como desde as cidades coa formación de charangas e grupos que saen a animar as rúas nestas datas;  son moitos os concellos que traballaron arreo para traer á actualidade tradicións que se perderan nos anos da ditadura e mesmo outras que xa eran de cen anos atrás. Así destacan concellos ourensáns como A Veiga ou Esgos e outros coruñeses como Melide ou Samede.

Sobre a evolución do entroido da época de  antes da ditadura á actualidade é interesante ler a opinión de Anxel Vence no artigo Del carnaval prohibido al decretado

ANTROIDO OU ENTROIDO?

Mapa entroido en GaliciaA palabra entroido provén do latín introitus, un participio substantivado do verbo intro-ire. Significa “entrada na Coresma”, aínda que tamén hai estudos que din que se refire á entrada na primavera e no rexurdimento da vexetación. No dicionario da Real Academia Galega aparecen recollidas outras posíbeis denominacións para esta festa: antroido, entrudio, entruido, entrudo e mesmo carnaval. Todas elas, a excepción de carnaval, que é de procedencia italiana, teñen a mesma orixe común no termo entroido que aparece documentado no galego xa en 1251. E esta é a recomendada oficialmente pola RAG seguindo criterios de proximidade e vinculación coa orixe etimolóxica, maior representatividade no territorio e tradición literaria máis documentada.  Na zona norte de Galiza emprégase antroido e na zona sur é máis frecuente entroido. En entroidos importados, onde se usan carrozas, se bailan sambas ou se usan antefaces é recomendábel usar a forma carnaval. Esta provén do italiano  carne-vale que ten orixe no latín vulgar carne-levare, é dicir, abandonar a carne, tal como prescribe a relixión católica para os venres de Coresma.

AS DATAS DE CELEBRACIÓN

O Entroido, ao variar conforme a Pascua e a Coresma, non ten datas fixas. O martes de entroido adoita coincidir en febreiro ou nos primeiros días de marzo, pero as celebracións relacionadas poden comezar xa en xaneiro. É o que se coñece como “ciclo de entroido” e que ten nas diferentes vilas de Galiza distintas extensións. Tense tomado como referencia o entroido de Xinzo como o máis longo, se ben a súa distribución en cinco semanas é común a boa parte das comarcas centrais ourensás, como Maceda. En realidade non é o ciclo máis longo, pois este é o de Laza onde  comeza segundo se dan as badaladas o día de ano novo co primeiro folión. Tamén son en ocasións máis longos que o entroido de Xinzo o entroido de Verín e o de Vilariño de Conso, segundo en que momento de febreiro ou marzo caia o entroido, pois en Verín o ciclo dá comezo o día de santo Antón (17 de xaneiro) e en Vilariño de Conso faino o día de Candelas (2 de febreiro).

Tampouco todos teñen o mesmo día grande, nalgunhas localidades celébrano o Domingo e outras prefiren celebrar por todo o alto o Martes de Entroido. Laza, por exemplo, un dos máis antigos, ten o seu día grande o Luns, coñecido como Luns Borralleiro, cando a praza central do concello se enche de xente que xoga lanzándose lama, fariña e formigas.

O ENTROIDO GALEGO E A SÚA PROXECCIÓN

Entroido galego e a súa proxecciónNeste período que precede á Coresma, celébranse festas populares con máscaras, comparsas, bailes… en toda Galiza e hainos moi diferentes. É tal a importancia que ten para os galegos e galegas que hai máis de 175 municipios nos que son festivos o Luns ou Martes de Entroido, ou o Mércores de Cinza. Estas festas van desde as máis nacionais (pantallas e cigarróns en Xinzo e Verín) ata as máis locais (choqueiros da Coruña)

Hai once entroidos no noso país que teñen recoñecemento de interese turístico:

  • Festa de Interese turístico internacional: Entroido de Xinzo de Limia (pantallas)
  • Festa de Interese turístico nacional: Entroido de Verín (cigarróns)
  • Festa de Galiza de Interese turístico:
    • Entroido de Cobres (damas e galáns)
    • Entroido de Laza (peliqueiros)
    • Entroido de Viana de Bolo (o boteiro)
    • Entroido de Manzaneda (mázcaras)
    • Os xenerais do Ulla
    • Entroido de Maceda (felos)
    • Entroido de Vilariño de Conso (boteiro)
    • Entroido de Foz
    • Enterro da sardiña en Marín

CARA CUBERTA OU DESCUBERTA?

As máscaras do entroido galego presentan, segundo as zonas e comarcas, trazos diferentes. Podemos distinguir dous grandes grupos:

  • As máscaras ourensás, que pertencen aos entroidos dun arco de vilas que nace en Maceda e Allariz, esténdese polo sur da provincia e remonta polo leste ata chegar á Ribeira Sacra. Son, habitualmente, máscaras coloristas que cobren a cara, realizadas moitas delas en madeira e que teñen como misión meter medo, asustar, bater nos veciños ou escorrentalos. Aínda que ás veces van en grupo, a súa presenza é habitualmente individual. Entre elas están os cigarróns de Verín, os peliqueiros de Laza, os felos de Maceda, os boteiros de Vilariño de Conso, de Manzaneda e de Viana do Bolo, as charrúas de Allariz, as pantallas de Xinzo, os vergalleiros de Sarreaus, os murrieiros da Teixeira, os troteiros de Bande, as bonitas de Sande no concello de Cartelle, os vellarróns de Riós, etc.
  • As máscaras da zona atlántica, nunha zona non continua que vai dende Cangas e Vilaboa ao sur ata as comarcas do Deza e o val do Ulla. Son traxes tamén coloristas, pero que frecuentemente deixan o rostro descuberto. Neles o traballo individual de elaboración do vestido é importante, pero máis o é o espectáculo, que adoita ser colectivo. É o caso dos xenerais de Deza e de Ulla, as damas e galáns de Cangas e Vilaboa e as madamitas e madamitos do entroido de Cerdedo-Cotobade.

Tamén existen outros costumes:

  • Mecos bonitos e mecos feos de Froxás das Viñas.
  • Volantes da Ribeira do Miño (Parroquias de Santiago de Arriba, San Pedro, Camporramiro e Nogueira).
  • Oso de Salcedo, en Salcedo (A Pobra do Brollón).
  • O merdeiro en Vigo.
  • Irrio de Castro Caldelas, que sae á rúa entre o 7 e o 11 de setembro e que posiblemente teña a súa orixe no entroido

Para máis información sobre as diferentes máscaras e lugares de celebración pódese consultar este documento pdf

O MUSEO DO ENTROIDO GALEGO

Museo do entroidoÉ interesante a creación do Museo do Entroido Galego, en Xinzo de Limia, na antiga praza de abastos. O museo naceu coa intención de agrupar e preservar o carácter propio desta tradición de Galiza en xeral e das aldeas de Xinzo de Limia en particular. Abriu as súas portas en 2015, mais dous anos despois, ante a imposibilidade do Concello para xestionalo, tivo que pechar. Logo da súa cesión á Deputación de Ourense volveu abrir en febreiro de 2019.

Cantiga PopularConta con dúas exposicións permanentes, unha dedicada ao Entroido e outra ao escritor Carlos Casares. Tamén é a sede da Asociación A Pantalla, máscara típica do entroido de Xinzo de Limia.

GASTRONOMÍA

Por suposto, nunha festa que presume de selo non podía faltar unha gastronomía típica. Nestas datas o protagonista é o porco: lacón, cocido, botelo, androlla… todo acompañado de patacas e grelos. Na sección doce atopamos filloas, orellas, bica, roscas… Son moitos tamén os lugares que podemos visitar para degustar estes praceres, non perdamos de vista a Festa do Cocido en Lalín, as Filloas de Lestedo, a Festa do Botelo no Barco de Valdeorras ou a Festa da Androlla de Viana de Bolo. Pódense consultar polo miúdo neste documento pdf coas principais festas gastronómicas do Entroido.


Natalia Roibás

Fontes consultadas:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies