Ante as noticias que van aparecendo nos medios de comunicación sobre o futuro que a Xunta de Galiza está deseñando para o Pazo de Meirás –en caso de que o Estado español decida ceder a xestión destas instalacións á Administración galega– desde a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda queremos sinalar que que o Pazo de Meirás ten que ser o lugar da Memoria Democrática. O fin natural do espazo debera ser o estudo, investigación e recoñecemento das vítimas. O lugar para o estudo do franquismo, a represión e a loita contra a ditadura.
Se desde o Partido Popular –facendo uso da figura de Emilia Pardo Bazán– están interesados na difusión da figura da escritora, o que deben facer é apoiar con recursos a Casa Museo Emilia Pardo Bazán. A cidade da Coruña quere que sexa aquí onde se traballe na difusión da vida e obra da escritora. De ningún xeito a cidadanía entendería o traslado do museo.
O pobo padeceu a ditadura e loitou contra ela. Tamén, ata o último momento, loitou pola devolución do Pazo de Meirás, en mans da familia do ditador. Deben ser a memoria histórica, a memoria democrática e, tamén, o espazo para acoller as asociacións memorialísticas os usos finais do Pazo de Meirás.
Se o Pazo de Meirás non se converte no lugar da Memoria seguirán tendo vixencia as palabras que cantaba A Quenlla:
Os herdeiros da vitoria van diante e van dicindo: “que é botar máis leña ó lume”…Venceron e aínda seguen administrando a vitoria aqueles que aínda hoxe queren facer a noite máis longa.