“Esa moitedume de luciñas representa o povo, que nunca nos traicionou, a enerxía coleitiva, que nunca perece, i, en fín, a espranza celta, que nunca se cansa. Esa infinda moitedume de luciñas e vagalumes representa o que nós fomos, o que nós somos e o que nós seremos sempre, sempre, sempre.”
25 de xullo. Día da Patria Galega.
En 1948, no Centro Galego de Bos Aires, pronunciaba Castelao o fermoso discurso, Alba de Groria.
Coñecer a nosa historia, o noso pasado, permítenos sacar proveito para o futuro.
Así, na Alba de Groria imaxina Castelao unha Santa Compaña de personalidades referentes na historia de Galiza, unha procesión de “inmortaes galegos”. Á fronte, iría Prisciliano e seguiríano –entre outros–, Xelmírez, o Mestre Mateo, o Mariscal Pardo de Cela, Bernaldo de Bonaval, Airas Nunes, Eanes do Cotón, Pero da Ponte, Pero Meogo, Xohán de Guillade, Meendiño, Xohán Airas, Martín Códax, Paio Gómez Charino, Macías, Padrón, o Padre Sarmiento e o Padre Feixoo, Andrade e Casas e Nóvoa, Nicomedes Pastor Diaz, Añón, Rosalía, Curros, Pondal, Ferreiro, Lamas, Amado Carballo, Manoel Antonio, Vicetto, Murguía e López Ferreiro, Faraldo, Brañas, Concepción Arenal…
Para perdurar e ser eterna, Galiza conta –segundo Castelao– con algo máis que unha “Hestoria fanada”: conta co pobo.
Por iso, na Alba de Groria, cando acaba de pasar a “Santa Compaña de inmortaes galegos”, xorde da terra–nai, da terra da nosa Terra, unha infinda multitude de luciñas e vagalumes que representan o pobo. El foi quen creou o idioma, a cultura, a arte, os usos e costumes, en resumo, o feito diferencial de Galiza. O pobo representa a enerxía colectiva e a esperanza.
O pobo “representa o que nós fomos, o que nós somos e o que nós seremos sempre, sempre, sempre”.
FELIZ DÍA DA PATRIA
Para saber máis: Alba de Groria