Hoxe vestín a Cidade como todos os días
e saín polas rúas procurando un abrigo
(Luísa Villalta)
Unha das cousas que nos ensinou a pandemia que estamos sufrindo desde hai máis dun ano é a necesidade de ter –e adaptar– cidades para as persoas. Vimos como precisabamos espazo para camiñar, zonas verdes e de lecer. Estes eran os lugares máis demandados pola poboación. Ás présas, tivemos que facer peonís carrís dos automóbiles. Quen nos ía dicir que veriamos peonil –inda que sexa por uns días– a rúa de San Andrés.
Na Coruña non necesitamos construír máis vivendas. Por toda a cidade hai numerosos esqueletos de edificios que a crise da construción deixou sen rematar. Non precisamos que a cidade medre máis, o que debemos é buscar o benestar da xente de cada barrio.
Alí onde haxa un terreo sen edificar ou que vaia quedar libre –polas circunstancias que sexan–, chámese Percebeiras, Xubias, ou terreos do Porto, os amigos do “pelotazo urbanístico“, sempre ao axexo dos bos negocios para os seus petos, tratan de convencernos da necesidade de construír novas vivendas. As cales, sendo realistas, só van poder adquirir os que probablemente xa non teñan necesidade delas. Nin nas Percebeiras nin nos terreos do Porto van construír casas para as persoas necesitadas delas.
A mobilización veciñal leva tempo organizando actos de protesta contra o intento de edificar na zona de Labañou, nas chamadas Percebeiras, ao lado do mar, mirando á Torre. O berro de “Non aos mamotretos das Percebeiras” é unánime.
A construción do Porto Exterior da Coruña supuxo un gasto de 1.000 millóns de euros. Como consecuencia, o actual Porto da Coruña está condicionado por unha débeda acumulada de 302 millóns de euros, dos cales 200 son con Portos do Estado, derivados da construción do Porto Exterior. O Estado pretende que a Xunta se responsabilice do pago da débeda e o acceso ferroviario, asumindo como propias as consecuencias da pésima xestión da Autoridade Portuaria.
O Porto Exterior fíxoo o Estado e ten que pagalo o Estado. Os peiraos interiores do actual Porto da Coruña –unha vez que sexan liberados dos seus usos portuarios– non deben ser privatizados nin vendidos para financiar a débeda do Porto Exterior. O préstamo de Portos do Estado á Autoridade Portuaria ten que ser condonado, ao igual que se fixo en Valencia.
No ano 2017, a cidadanía e o tecido asociativo, sindical e político da cidade e da Área Metropolitana da Coruña saíra á rúa para dicir non á venda e privatización da fachada marítima, non á especulación porque A Coruña non se vende.
Catro anos despois, as reclamacións seguen pendentes. Por iso, as organizacións políticas e sindicais, as asociacións veciñais, cívicas e culturais asinan un manifesto sobre a problemática da reordenación do bordo litoral da Coruña. Neste manifesto pídese –entre outras cousas– a condonación total do préstamo de Puertos del Estado á Autoridade Portuaria da Coruña para a construción do Porto Exterior, a constitución dun Consorcio ou ente público coa participación da Autoridade Portuaria da Coruña, a licitación do acceso ferroviario ao porto exterior de Punta Langosteira antes do vindeiro mes de xuño, a reordenación urbanística e de usos dos terreos portuarios e un novo horizonte portuario.
Queremos construír un novo modelo de cidade pensada para as persoas, que integre a fachada marítima na cidade. Por todo o anterior, máis de sesenta organizacións –entre as que está a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda– convidan a xente a participar na MANIFESTACIÓN que o 30 de maio de 2021 sairá da praza da Palloza ás 12 horas e rematará na praza de María Pita.
Desde a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda animamos a todas a participar na manifestación do día 30 de maio. Pedimos a CONDONACIÓN DO PRÉSTAMO DE PORTOS DO ESTADO Á AUTORIDADE PORTUARIA DA CORUÑA E DICIMOS NON Á PRIVATIZACIÓN E VENDA DOS PEIRAOS
Necesitamos unha cidade para as persoas porque, como escribía Luísa Villalta, queremos saír por ela procurando un abrigo.