O pseudosacrificio da pedra

Dun drama litúrxico medieval a un drama político contemporáneo

As esculturas de Mateo durante a exposición do Museo do Prado
As esculturas de Mateo durante a exposición do Museo do Prado.

Achégase o tempo de Nadal, son datas acaídas para celebracións e agasallos que desta volta veñen envoltos na polémica  recuperación dun anaco (dous) do noso patrimonio global. A palabra global non sería en absoluto esaxerada, así o recoñece a UNESCO desde 1985 e así o recoñecía a arte baixomedieval europea que atopou no Mestre Mateo un referente a seguir.

O profeta Daniel co seu sorriso teolóxico antes da restauración da policromía
O profeta Daniel co seu sorriso teolóxico antes da restauración da policromía

O sorriso de Daniel dáballe a benvida neste recuncho do Atlántico norte ao chamado estilo 1200. O Pórtico da Gloria –en realidade todo o macizo occidental da basílica– estaba poñendo un auténtico peche de ouro ao feito compostelá.  Dourado, certo, xa que un dos materiais que utilizou Mateo  foi o pan de ouro puro  que xunto ao lapislázuli logrou acadar a excelencia dunha policromía  digna da estética gótica da luz que estaba agromando no eixo parisiense. A palabra peche, porén, sería máis matizable no metafórico e no tanxible. Primeiro porque a fábrica catedralicia é un palimpsesto sempre en obra e segundo porque precisamente unha das grandes características do edificio medieval era que estaba permanentemente aberto. Deste xeito a policromía mateana do pórtico veríase alumeada cada día pola potente luz do solpor que impactaría nos dourados e azuis dando a sensación de contemplar unha imaxe celestial.

Policromía de Mestre Mateo
Policromía de Mestre Mateo

Esta reverberación nos sentidos e no intelecto dos fieis era plenamente buscada para acompañar un programa iconográfico con varios niveis de lectura de gran complexidade. Pero hoxe, que estamos de celebracións, ímonos parar nun nivel aprehensible para ler estas pedras que foron constantemente sacrificadas. Son estes dous homes barbudos os profetas Ezequiel e Xeremías ou son Isaac e Abraham? Os segundos son de sobra coñecidos polo episodio bíblico que chamamos pseudosacrificio de Isaac. Pseudo, porque o sacrificio non se produciu e se damos por certa esta identidade estariamos diante dun pai e un fillo que protagonistas dunha escena dramática que foi evitada a tempo por un anxo de deus.

hipóteses de distrubución das figuras da fachada de Otero Túñez e debuxo de Soraluce Blond
Hipóteses de distribución das figuras da fachada de Otero Túñez e debuxo de Soraluce Blond

Toca agora revelar cal era a colocación destas esculturas, non exactamente no pórtico, senón na fachada que o precedía e que grazas a súa gran luz e apertura perenne permitía observar as esculturas –e a policromía– desde o exterior. Abraham e Isaac, ambos parte da liñaxe de Cristo, estarían pois dándolle a primeira benvida a quen se quixese achegar á portada principal catedralicia.

Recreación dixital de Anxo Miján
Recreación dixital de Anxo Miján.

Ímonos deter un momento para saborear este dato. Paga a pena lembrar aquí,  falando de liñaxes rexias, que Mestre Mateo traballa baixo patrocinio directo de Fernando II, que este rei de León e Galiza morre tres meses antes da data de remate da inscrición do lintel do Pórtico –calendas de Abril de 1188– e que quen o sucede será o seu fillo de dezaseis anos. Ambos, pai e fillo, Fernando II e Afonso VIII (de León e Galiza) son os responsables de dar remate a esa gran empresa, xa soñada por Xelmírez, de facer de Compostela una sé rexia digna do epicentro cultural e relixioso que foi durante a Baixa Idade Media. Ambos, pai e fillo, elixiron Santiago de Compostela como lugar de enterramento, e aquí repousan, no Panteón Real. Abraham e Isaac –ambos, pai e fillo– serían, segundo a teoría asentada polo medievalista Serafín Moralejo, unha sorte de evocación dos monarcas galaico leoneses coetáneos a Mateo.

Afonso VIII e Fernando II no Tombo A da Catedral de Santiago
Afonso VIII e Fernando II no Tombo A da Catedral de Santiago.

Como Isaac, estas pedras foron condenadas ao sacrificio. O primeiro sacrificio veu da man dun cambio de mentalidade que chegaba coa Idade Moderna e que observaba nesa permanente apertura un grande inconveniente. Deste xeito a principios do século XVI comézanse a acometer reformas que modifican substancialmente a fachada occidental. Boa parte do granito labrado por Mateo vai parar á nova escaleira como material de recheo, outras pezas reubícanse por diferentes lugares dentro e fóra da catedral. Os nosos dous protagonistas van ser referenciados polo conde de Simonde durante o século  XVIII no xardín do Colexio Fonseca. Por sorte, como lle acontecera a Isaac,  o sacrificio non fora completamente acometido e se puideron recuperar. Xa a comezos do século XX  Bouza Brei vólvenos falar deles e en 1948 o Concello de Santiago vai adquirir ambas pezas para moi pouco tempo despois, en 1954 ver como sufrirían un novo sacrificio. Novamente o sacrificio non foi total. Logo dos fortes litixios aos que se viu sometida a súa custodia, chegaban nestes días de decembro de 2025 de volta a Compostela, recibidas no medio dunha expectación da que nos estamos facendo eco.

Recibimento público das esculturas de volta en Compostela. O seu destino inmediato será o Museo do Pobo Galego
Recibimento público das esculturas de volta en Compostela. O seu destino inmediato será o Museo do Pobo Galego.

Entre tanto sacrificio unha das perdas que sofre unha escultura é a súa identidade. Abraham e Isaac / Xeremías e Ezequiel, que foron deslocalizados, espoliados e levados a xuízo, quedaron sen un nome certo. Actualmente movémonos no campo das hipóteses e para pechar imos lembrar novamente as suxestións de Moralejo.

Observando o elenco que os acompañaba, xa no interior do pórtico, recoñecemos que non sempre é fácil identificar todos os personaxes. O que si sabemos é que o Pórtico transmite unha mensaxe apocalíptica e salvífica. É dicir, acábase o mundo, pero ímonos salvar todas e chegar a tocar a gloria.  Pero fixémonos un momento nos personaxes que nos acompañan mentres os anciáns afinan os instrumentos. Observamos que forman parte dun drama litúrxico; a procesión de todos os profetas (Ordo prophetarum), Sibilas incluídas, que souberon adiantar que ía chegar Cristo. Cando? Todos os anos, no ciclo de Nadal. E é que efectivamente era moi habitual que formase parte das celebracións do calendario estes teatros litúrxicos dentro dos templos nos que se xogaba a que as pedras cobrasen vida para agasallo de toda a comunidade. O Ordo profetarum volveu representarse en datas recentes nunha adaptación actual que tiña lugar durante precisamente a época de Nadal. Era un auténtico agasallo do que quedou mostra audiovisual. Deixamos  aquí a ligazón, desexándovos un bo Nadal sen nada de apocalipse, pouco drama, moita gloria e agardando que o seguinte episodio das dúas esculturas barbadas compostelás sexa un final axeitado e feliz.


Carmela Galego

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies