O Souto das esculturas e a arquitectura da palabra

Hierofanía

Hierofanía é a palabra que responde á manifestación do sagrado vencellado coa paisaxe. O punto de encontro entre a Ría de Ares, o territorio sadense, e a arte de Pepe Galán danlle forma a esta palabra. Situado en San Martiño de Meirás, o Souto das esculturas —realizado en colaboración co arquitecto Alfonso Fernández— é o lugar que acolle as obras do artista galego, esculturas de metal que se amosan baixo a protección dos carballos e castiñeiros.

O Souto das esculturas e a arquitectura da palabra

Telurismo

A forza da terra entra nun diálogo de simbiose coa obra de Pepe Galán. Pedra, herba, follas, madeira, ferro e mesmo materiais de refugallo envólvense entre si. O tempo é o seguinte ingrediente, o resultado: A natureza fala a través das esculturas. Galán acompaña ese diálogo milimetrando as permanencias  e os cambios, coa súa aptitude háptica para saber cando intervir. O territorio sempre está presente, o territorio como paisaxe, como lugar para habitar, pero tamén o lugar co que comprometerse.

O Souto das esculturas e a arquitectura da palabra

Abstracción lírica

A linguaxe deste escultor permite na súa primeira capa de plástica aprhensible deixar a mente no acougo que a xeometría consegue.  Mais de contado atopamos esa segunda capa chea de contido. Este souto ártabro ten moito de Maydays, atopamos en cada recuncho o compromiso daquela Burla Negra na que Galán se involucrou. De súpeto vemos a maqueta da Copa do Sol; atlántica, mitolóxica, cobriza.  Unha táboa ateigada de landras e pequenas esculturas, é O Banquete de Conxo. O escultor comprende a abstracción contemporánea e a tamiza con lirismo. Entronca aquela idea de Luís Seoane para unha arte galega que lle fai as beiras á abstracción, pero sempre quere conxugar o verbo contar. Compromiso, terra, sentidos.

O Souto das esculturas e a arquitectura da palabra

Sinestesia

A memoria colectiva ten cor, a terra: son, a paisaxe fala. As musas queren ficar no Souto das Esculturas Galán-Nistal.


Carmela Galego

3 Respostas

  1. Gústame moito este texto, por preciso na interpretación da obra escultórica, arquitectónica… e pola emoción que transmite do lugar…
    Moitos parabéns a Carmela Galego, e ACAB da Coruña sempre.
    Fondas apertas.

    1. Moitísimas grazas a ti, Pepe, polas túas xenerosas palabras. Alégranos que sentises que a interpretación da túa obra e a maxia do lugar fosen precisas. Ese era o obxectivo! Para nós é un privilexio poder poñerlle palabras a un espazo tan cheo de forza e significado como o Souto das Esculturas.
      Unha fonda aperta de volta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies