Os mortos daquel verán

Collémoslle este título a Carlos Casares para lembrar e homenaxear ás persoas asasinadas naquel verán de 1936, para axudar a rescatar do esquecemento a mulleres e homes de pensamento e de acción, persoas que traballaron polo progreso, pola igualdade, pola mellora deste país e de cada unha das galegas e galegos.

En Galiza non houbo Guerra Civil. Non houbo unha fronte de batalla onde dous exércitos se enfrontaran. O que houbo aquí foi un exterminio sistemático da poboación fiel á democracia e á legalidade republicana. En tan só tres anos foron asasinadas unhas 5.000 persoas. Homes e mulleres aos que segaron a vida só por ser socialistas, galeguistas, anarquistas, comunistas, republicanas… en definitiva, demócratas amantes do progreso.

¡Outra vez, outra vez o terror!
Un día e outro día,
sen campás, sen protesta.
Galicia ametrallada nas cunetas
dos seus camiños.
Chéganos outro berro.
Señor, ¿qué fixemos?
-Non fales en voz alta-
¿Hasta cándo durará iste gran enterro?
-Non chores que poden escoitarte.
(Cunetas de Luís Pimentel)

Fusilamento en Punta Herminia
Foto dun fusilamento en Punta Herminia, tomada por Pepe Sáez.

Imos falar hoxe de dous homes asasinados na Coruña aquel último día do mes de agosto de 1936. Ese día, en Punta Herminia, son asasinados, logo dun xuízo farsa ao que foron sometidos, Francisco Mazariegos Martínez, Ramón Maseda Reinante, Joaquín Martín Martínez; Alfredo Suárez Ferrín e Francisco Prego Campos.

Outros moitos nin xuízo tiveron. Nunha estrada na Castellana apareceu o cadáver da mestra de Monelos, Mercedes Romero Abella (muller de Francisco Mazariegos), en Riazor apareceu tamén o cadáver doutra mestra tamén socialista, Concepción González Mosquera e nas proximidades de Rábade aparece o cadáver de Juana Capdevielle, pedagoga e bibliotecaria. O seu home, Francisco Pérez Carballo, Gobernador Civil da Coruña, xa fora asasinado uns días antes.

Agrupación Republicana Femenina
Viaxe da Agrupación Republicana Feminina da Coruña ao Concello de Santiago. Na parte esquerda os dous Alcaldes, Ánxel Casal e Suárez Ferrín, os dous asasinados en agosto de 1936 polos fascistas.

Ramón Maseda, oficial do ministerio da Mariña, estaba retirado cando o levantamento golpista, mais era unha figura principal do socialismo coruñés. Foi fundador do partido socialista na Coruña e presidente da sociedade La Antorcha Galaica del Libre Pensamiento, centro cultural de base anarquista. Mais o traballo máis importante de Ramón Maseda foi o de promotor do grupo de vivendas unifamiliares do Campo Volante da Coruña, o que hoxe se coñece como Campo de Marte. Foi o cooperativismo obreiro o que logrou, na década previa á ditadura, a cesión de chan público para construción de vivendas, no corazón dun barrio obreiro como é Monte Alto.

1928 inauguracion Campo de Marte
Inauguración das vivendas do Campo de Marte en 1928

E foi o golpe de estado e a ditadura fascista a que levou ao traste aquel proxecto de “cidade satélite” dun milleiro de casas, que Ramón Maseda, impulsor do cooperativismo obreiro deseñara para, segundo declaraba no seu manifesto de 1935, “facer fronte único e resolver dunha vez o problema da vivenda”.

Maseda foi detido o 20 de xullo e sometido a consello de guerra por rebelión militar e foi condenado á pena de morte e fusilado en punta Herminia o 31 de agosto.

Suárez Ferrín
Alfredo Suárez Ferrín

Alfredo Suárez Ferrín, nado na Coruña en 1881, foi industrial e político. Estudou Químicas e Profesorado Mercantil, e foi propietario dunha ferraxería e dunha fábrica de caldos concentrados. En xaneiro de 1934 foi elixido alcalde da Coruña, substituíndo a Manuel Iglesias Corral. Trala revolución de outubro abandonou o posto por decisión gobernativa. Coa vitoria da Fronte Popular en febreiro de 1936, foi elixido de novo alcalde. Despois do golpe de estado foi detido e, aínda que inicialmente liberado, foi novamente enviado a prisión. Foi xulgado e condenado a pena de morte. Cóntase que horas antes do fusilamento veu da Xunta de Defensa Nacional de Burgos un indulto, que non chegou a ser aplicado. O motivo do indulto puido deberse a que Suárez Ferrín intercedera ante Casares Quiroga cando era ministro da Guerra e presidente do Goberno, a favor do coronel Martín Alonso e do tenente coronel Nevado de Bouza cando estes foron denunciados como golpistas no Ministerio por militantes de esquerdas. Foi fusilado en punta Herminia o 31 de agosto de 1936.

E así ía andando aquel verán de 1936 e moito terror quedaba aínda por padecer…

Unha resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies