A palabra nomea e crea as cousas,
pon orde no mundo
e armoniza a toda a creación.
Cando prostituímos a palabra
estamos invocando ó demoníaco.
E se deixamos morrer unha palabra
o universo enteiro
dóese de orfandade e desamparo.
(Manuel María)
Como ben din os versos de Manuel María, a palabra nomea as cousas, tamén as persoas e o lugar onde estas viven. Cando a empregamos con este último fin, estamos diante dos topónimos: o nome propio dun lugar. Do seu estudo –orixe, historia e significación– encárgase a Toponimia.
A toponimia forma parte fundamental da nosa cultura. Normalmente transmítenos informacións relevantes sobre a vida, costumes e crenzas de épocas pasadas, contribuíndo a explicar as nosas raíces e a nosa historia. Non é de estrañar o uso de tantos topónimos no poema de Uxío Novoneyra para manifestar esa conexión e harmonización coa súa terra do Courel:
Hein d’ir o Pía Páxaro i a Boca do Faro
deitarme na Campa da Lucenza nun claro.
Hein d’ir á Devesa da Rogueira i a Donís
ó Rebolo á Pinza i ó Chao dos Carrís.
Hein d’ir a Lousada i a Pacios do Señor
a Santalla a Veiga de Forcas i a Fonlor.
Hein d’ir ó Cebreiro pasar por Liñares
rubir ó Iribio a Cervantes i a Ancares
Hein d’ir a Cido i a Castro de Brío Pía Páxaro
baixar i andar pola aurela do río.
Hein d’ir a Céramo cruzal’o Faro i entón
debrocar pra baixo cara Oéncia e León
Hein d’ir a Vales i a Pena da Airexa
i a un eido solo onde ninguén me vexa.
E, é que a conexión coa terra leva a Celso Emilio a escribir:
Quero morrer eiquí. Ser sementado
nesta miña bisbarra.
Finar eiquí o meu cansancio acedo,
pousar eiquí pra sempe as miñas azas.
Se perdemos a toponimia tradicional estamos perdendo a nosa memoria histórica. Perder os nomes tradicionais cos que nomeamos as nosas aldeas, vilas e cidades é destruír a nosa propia historia e os referentes culturais que posuímos.
A toponimia galega foi obxecto dun proceso de castelanización, demorado e consciente, que as autoridades españolas e os seus axentes realizaron ao longo de varios séculos. Con todo, a forma auténtica conservouse en moitos casos. Contra a castelanización da toponimia escribiu o poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán:
Volten a Valdeorras os nomes xenuínos
non máis Correjanes nin Vegamolinos.
Si Veigamuíños e mais Correxais
pois xa os castrapismos están por demais.
……………………………………………….
Non trocar por feles os galaicos meles
pronunciando El Barco, La Puebla e Bajeles.
Púxolle música aos reivindicativos versos de Florencio, outro valdeorrés: Anxo Rei.
Os topónimos adoitan clasificarse seguindo un criterio semántico, dependendo dos conceptos a que fagan referencia: tendo en conta a orografía (A Pena), a hidrografía (Caldas), a flora (Carballo), a fauna (Oseira), a relixión (Mosteiro), asentamentos humanos (O Burgo) ou vías de comunicación (A Estrada).
Moitos dos nomes de lugares sufriron cambios e alteracións –tamén a morfoloxía da terra que nomeaban– polo que, ás veces, non é doado que os entendidos se poñan de acordo na explicación da orixe dun topónimo. A continuación, vemos, brevemente, algunha opinión sobre os topónimos que nomean os concellos arredor da Coruña.
ABEGONDO:
Para algúns, o nome viría do visigodo abe=auga e gondo=terra. Sería terra entre Ríos: Mero, Barcés e Gobia.
ARTEIXO:
Documentado como Artasio no século X, unha das explicacións dos estudosos é que sería unha palabra de orixe prerromana. Derivaría dunha raíz art–, que significaría concavidade ou depresión na superficie do chan e que tamén se aplicaría para dar nome a recipientes. O nome de Arteixo aludiría, polo tanto, á súa orografía en referencia ao ‘val de fondo plano e vertentes inclinadas’ que constitúe a depresión onde se asenta.
A LARACHA:
Algún estudoso fala dun topónimo de dous elementos: LAR (fogar, logo casa de labradío) e CHÁ (plana).
BERGONDO:
Algún investigador fala dunha orixe céltica ou xermánica, que faría referencia ó rei Brigo, ou a unha elevación montañosa: berg.
CAMBRE:
Pregúntase algún estudoso se estaremos ante un topónimo celta de dous elementos *CALA–MBRIG– , que levaría os matices de terreo forte e de altura.
CARRAL:
Posiblemente o nome fose transmitido polo latín –carrum– e tería que ver con ese medio de transporte.
CULLEREDO:
Algún estudoso fala dun abundancial en –edo da voz culler, co significado de cágado de ra.
OLEIROS:
O topónimo tería que ver con nome das persoas que elaboraban estes obxectos –olas– de barro.
A CORUÑA:
Moito se ten escrito e polemizado arredor do topónimo A Coruña tanto desde o punto de vista filolóxico como legal.
Os estudosos din que antes do século XII o lugar aparece documentado como Faro e Burgo do Faro. No Códice Calixtino –século XII–, aparece a forma Crunia –que procedería da forma prerromana CLUNIA. A forma Crunia, para algúns, tería unha orixe literaria.
Non deixemos perder os nomes tradicionais dos nosos distintos lugares. Como diciamos antes, representan a nosa memoria histórica e son os nosos referentes culturais. Utilicemos e respectemos os topónimos galegos.