Otero Pedrayo, arredor de nós

Nas primeiras décadas do século XX aparece un grupo xeracional que se pon á fronte da dirección ideolóxica do galeguismo e que, colectivamente, comeza o labor de artellar os órganos e institucións precisos para a rexeneración da cultura e da sociedade, seguindo a doutrina política do nacionalismo galego. Hai nesta época unha serie acontecementos que marcan para sempre a nosa historia cultural, social e política. Nacen as Irmandades da Fala (en 1916), a Xeración/Grupo Nós (en 1920), O Seminario de Estudos Galegos (en 1923), As Vangardas (1922) e o Partido Galeguista (1931). Desta época son nomes cumes da nosa cultura: Os irmáns Vilar Ponte, Ramón Cabanillas, Vicente Risco, Cuevillas, Otero Pedrayo e Castelao, entre outros moitos. A continuación dedicámoslle unhas breves liñas de homenaxe ao autor de Arredor de si: Ramón Otero Pedrayo. Sen dúbida, unha das figuras cume da nosa cultura.

Vida e obra de Otero Pedrayo

Otero de mozoOtero naceu no número 25 da rúa da Paz, en Ourense, –no mesmo edificio onde uns poucos anos antes nacera Vicente Risco–, o día 5 de marzo de 1888 e faleceu o día 10 de abril de 1976. Fillo dunha familia burguesa de tradición liberal, tras estudar o bacharelato en Ourense, continúa a súa preparación en Santiago e Madrid. Nesta última estuda Dereito e Filosofía e Letras, entre 1905 e 1912.

En 1918, entra a formar parte das Irmandades da Fala. En 1919, gaña as oposicións á cátedra de xeografía e historia do Instituto de Ensino Medio de Burgos. No ano 1921, temos a Otero xa destinado en Ourense e totalmente entregado á actividade cultural galeguista. En 1920, participa na fundación da decisiva Revista Nós. En 1923, créase o Seminario de Estudos Galegos do que Otero será responsable no eido de xeografía. En xuño de 1931, sae deputado polos galeguistas para as primeiras Cortes Constituíntes republicanas, posto que desenvolverá ata 1933 (a organización que Otero fundara en abril de 1931 -o Partido Nazonalista Republicán de Ourense- entrará en decembro de 1931 a formar parte do Partido Galeguista). Otero Padrayo, como outros moitos galeguista liberais de tendencia dereitista que non colaboraron co réxime franquista, foi multado, expedientado e expulsado da súa cátedra. No ano 1950 fúndase a decisiva e importante Editorial Galaxia, empresa da que Otero sería Presidente. Ese mesmo ano de 1950, o ourensán gaña a Cátedra de Xeografía da Universidade Compostelá. En 1929, xa entrara a formar parte da Real Academia Galega coa lectura do discurso Romantismo, Saudade, Sentimiento da Raza e da Terra en Pastor Díaz, Rosalía de Castro e Pondal. Ata a súa morte, en 1976, Otero Pedrayo exerceu, sempre que lle foi posible, o papel de Patriarca das Letras Galegas, amparador e animador da mocidade galeguista.

A critica literaria coincide en sinalar a Otero Pedrayo como o principal consolidador da nosa prosa e o iniciador dun teatro galego novo. A prosa posterior de Álvaro Cunqueiro e Méndez Ferrín non se poderían entender sen a influencia literaria de Otero.

A prolífica obra de Ramón Otero Pedrayo abrangue todos os campos. Así, podemos citar entre os seus contos:

  • Pantelas, home libre. A Coruña: Lar, 1925.
  • Contos do camiño e da rúa. Santiago de Compostela: Nós, 1932.
  • O mesón dos ermos. Santiago de Compostela: Nós, 1936.
  • Entre a vendima e a castañeira. Vigo: Galaxia, 1957.

Con relación ás novelas de Otero podemos sinalar:

  • Escrito na néboa. A Coruña: Lar, 1927.
  • Os camiños da vida. Santiago de Compostela: Nós, 1928.
  • Arredor de si. Santiago de Compostela: Nós, 1930.
  • Fra Vernero. Santiago de Compostela: Nós, 1934.
  • Devalar. Santiago de Compostela: Nós, 1935.

Dentro do seu teatro temos:

  • A Lagarada: farsada tráxica para ler. Santiago de Compostela: Nós, 1928.
  • O desengano do prioiro ou o pasamento da alegría. Vigo: Monterrey, 1952.

Otero foi tamén autor dun feixe de poesías que co título de Bocarribeira o grupo Brais Pinto publicou en Madrid, en 1958.

Para finalizar coa obra de Otero, no apartado ensaístico temos, entre outros, a Guía de Galicia (1926) e o Ensayo histórico sobre la cultura gallega (1933).

Como dixemos ao principio, hai xeracións que marcan unha cultura e dentro delas hai persoas imprescindibles que serven de guía para o futuro. Unha delas, sen dúbida, é Ramón Otero Pedrayo, o Patriarca.

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Otero PedrayoDentro da Xeración/Grupo Nós acostúmase facer un apartado co chamado “Cenáculo Ourensán”. Estaría formado por Risco, Cuevillas e Otero, que terían unhas características propias: dise que sufriron unha “conversión” ao galeguismo e que nola contaron en Nós, os inadaptados (Vicente Risco), Dos nosos tempos (Cuevillas) e Arredor de si (Otero Pedrayo). En Arredor de si (1930) o protagonista, Adrián Solovio, nun primeiro momento, escéptico e desacougado, só se interesa pola cultura europea ata que se produce e transformación e descobre Galiza, que pasará a ser o centro do seu interese e preocupación:

“Ao correr do tempo, Adrián falaba sempre en galego cos labregos. Disfrutaba nas latricadas do señor Bieito de Medelo, particularmente. Era vello, vivía nunha casiña limpa e terrea nun recuncho, o máis escondido do val entre penedos e piñeiros. Nas rochas esgrevias aínda vexetaban retortas cepas vellas. Ao pé da casa, baixo un pontillón de laxes usadas, bulía un regueiro, no outono medrado. Traía á ribeira un fresqueiro cantigar da montaña. O home tiña unha fala na aparencia ruda e lonxana, e nela as verbas perdían individualidade na rexa fábrica das frases. Mais de seguida se advertía a fermosura e o tino das palabras, sinxelas, expresivas, pintorescas, unhas dun sintetismo completo, outras feitas de matices incomparables para expresar momentos decorrentes e fuxitivos da vida e do mundo.

 

Algunha vez Adrián coidaba ouvir un baixo latín cheo de mocidade e de futuridade. No comercio cos labregos, o desperto sentido crítico de Solovio aprendeu ben pronto a falsidade dunha afirmación na que el por costume e preguiza, participara: a de ser unha lingua vella, unha ruína, non doada para conter nin fecundar unha idea moderna, impropia da Técnica e para a Filosofía por exemplo. Pois desque Adrián falaba galego sentía todo o seu ser renovado, non tiña que loitar contra unha lingua demasiado feita e traballada que lle impuña unha retórica moitas veces enxoitadora do ceibe nacer do pensamento. Na mesma indecisión había unha garantía de mocidade”.

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Para saber máis:

Fundación Otero Predrayo

Ramón Otero Pedrayo na web da Real Academia Galega

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

A voz de Otero Pedrayo (falando de Castelao):

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

En Arredor de si hai un momento no que o mapa de Fontán adquire protagonismo. O tío cura de Adrián Solovio, don Bernaldo, morre co sobriño alumando o mapa. Magín Blanco (O meu país) fala dun país “tan pequeno que cabe nos ollos dun neno”, dun país que “nunca remata, por iso non sae nos mapas”. Ese país que amou Otero e os da súa xeración:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies