Paco Souto: percebeiro, poeta e comprometido

“Como se a morte viñese cada nove ondas”

Paco Souto

 No pregón da Praza dos Libros de Carballo –o día 6 de xullo de 2017– o escritor Manuel Rivas afirmaba:

“Paco Souto pertencía, pertence, á nosa mellor estirpe, a estirpe da xente ceibe, dos ceibes solidarios”

O día 30 de marzo de 2017 o mundo cultural e social galego conmovíase coa noticia do falecemento do percebeiro e poeta Paco Souto. Con outros catro percebeiros estaba faenando na zona de Santa Mariña, preto da praia de Razo. Ese mar da Costa da Morte –que tanto amaba e tan ben coñecía– foille esquivo, como a moitos outros. Os versos finais do poema “Furtivos” –do libro Fado,1998– son conmovedores: Ese sabor a sal na boca/Como se a morte viñese cada nove ondas

Percebes

Furtivos

 

A percebeira é unha illa

a illa ten nome de peixe esquivo

e os homes van

 

A lanchiña que os leva é de pau de laranxo

a lúa é unha laranxa apodrecida

a lúa debuxa cadaleitos nas furnas

de entre os mortos nascen percebes

 

Os ollos vagos non ven

son as mans acoiteladas as que cachean os tetos

a rapa áxil

 

E logo a lonxa

E a viaxe á Coruña ou Madrid

E o prato na mesa

E o sal na boca

 

Ese sabor a sal na boca

Como se a morte viñese cada nove ondas

Coa música de Serxio Moreira, Paco Souto recita o seu poema Furtivos:

Nado na Coruña o día 12 de outubro de 1962, Paco Souto desenvolveu un intenso labor cultural e social. Foi coeditor de Edicións do Dragón e da colección Letras de Cal. Presidente da asociación de mariscadores e da asociación Caldeirón, desde a que promoveu o Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas. Igualmente, foi o principal responsable da Editorial Caldeirón que publicaba as obras gañadoras no certame. Activista social e voz xenerosa, participou na actividade política: foi concelleiro do BNG en Malpica logo das eleccións municipais de 2015.

No libro e Caín ( 2016) deixábanos o seu “Autorretrato”:

escribo

en folla impar

as tres cuartas partes

xustas

de min mesmo

a man acenando o universo

a viaxe impar de virme paradentro

escribo tolo

un sexto apenas da ousadía

do que calo

inspiro

e dialógome

o meu mundo sempre será varios

(De e Caín. 2016)

Presentación do libro e Caín en 2016:

Mar brava

Autor da peza teatral Amar non ten laranxas (1994), Paco Souto foi Premio Espiral Maior en 1994 por As árvores do incesto e Johán Carballeira do concello de Bueu –en 2006– por As horas de María. Deste último libro é a “Carta última”:

Querido Manuel

dous puntos

mándoche esta

para que saibas que estamos ben

os rapaces medran como liño

e cando te queres dar de conta

xa é tempo de mazalo

a besta vai parideira

e non deixa andar de a cabalo

A Roxa e a Morita están secas

dúas crías trouxo a Linda

e claro

non xuntamos un cuartillo

Polo demais

todo ben

 

O Andresiño

vai aprender de zapateiro á Coruña

quintas e sextas

pola noite

á escola que di o tolo de Froxel

cas Lola

 

A nena

é un caravel que me sae do peito

e non se me quita de diante

vou ao río alá vén ela

estro as cortes alá está ela

chamo ao gando

e nin podo coller herba

con mamá calquera a deixa!

agora mesmo

non para de andarme entre as letras

e a ti

como che vai a guerra?

Paco Souto recita (en 2007) “Carta última” do seu libro As horas de María:

Paco Souto foi unha das principais voces da xeración poética que emerxeu nos anos 90.

Paco Souto
Foto: Santos Díez (Ollo de Vidro-ACAB)

Brais Morán cántalle –”Cando imos para ese lugar”– á Costa da Morte:

Canto para os nenos da Costa da Morte

e as mulleres que veñen do Mar.

Canto para as nenas da Costa da Morte

e os homes que amasan o pan.

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Para máis información sobre Paco Souto:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies