As palabras do ano… e da vida

A palabra nomea e crea as cousas,

pon orde no mundo

e armoniza toda a creación.

(Manuel María)

A palabra do ano

Nestes días de decembro, a Real Academia Galega ten aberta aunha votación para elixir a Palabra do Ano 2021. As finalistas son: coada, gromo, resiliencia, tanxugueiras e vacinódromo.

Segundo a institución académica, a lingua é un espello do que somos, do que queremos ser, do que nos ocupa e preocupa en cada momento a cadaquén, a todos e todas como sociedade.

Celso Emilio Ferreiro cando quería vivir e sementar a esperanza, a súa palabra máxica era Moraima:

Cando quero vivir

digo Moraima.

Digo Moraima

cando semento a espranza.

Digo Moraima

e ponse azul a alba.

Pola contra, en “Carta á miña muller” recomendáballe non dicir nunca a palabra liberdade:

Esposa, toma nota e non esquezas:

non digas libertá palabra triste

con peligro de morte e calivera.

A Portela

Non podía ser doutra forma, o poeta de Valdeorras –Letras Galegas 2022–, Florencio Delgado Gurriarán, gosta de pronunciar os topónimos da comarca, e facelo na forma propia galega:

 Córgomo, Castelo, Arnado,

Outarelo, Millarouso,

Portela, Cesures, Arcos…

Nomes, nomes de Valdeorras,

¡doce e sonoroso canto!

Ramón Cabanillas –en Vento mareiro– deixa unha “encomenda” á súa muller:

Quero na lousa que me dé sosego

esta palabra que ten luz: “Gallego”

e esta palabra que ten ás: “Poeta”.

Irmandade

Valentín Lamas Carvajal escribía:

fálame n–o lengoaxe d’ a terriña

s’ é que me queres ben.

……………………………………

N–unha sola palabra dinos tanto

este noso falar feitizador,

q’ unha pulla, un poema, a risa o pranto,

condensa n–unha voz.

Á “meniña” de Cantares gallegos de Rosalía pedíaselle:

Canta si queres

Na lengua qu’ eu falo,

Dareich’ un mantelo.

Dareich’ un refaixo.

E a “meniña” aceptaba:

Cantar t’ ei, Galicia,

Na lengua gallega,

Consolo dos males,

Alivio das penas.

Mimosa, soave,

Sentida, queixosa,

Encanta si rie,

Conmove si chora.

Cal ela, ningunha

Tan dulce que cante,

Soidades amargas,

Sospiros amantes.

Paisaxe

Calquera do noso idioma pode ser a palabra do ano. Temos lingua propia coa que podemos nomear as cousas e expresar todos os sentimentos posibles. Pode ser tanxugueiras un ano e terra o seguinte. Calquera da nosa lingua propia.

Tamén, lapso, subconsciente, complexo, inconsciente:

 Yo reivindico la Galicia cordial, el bilingüismo cordial, la Galicia donde hablamos español y castellano.

Manuel María tiña a receita para os do “bilingüismo cordial” de “español y castellano”:

O povo que deixa perder a sua palabra

creada, herdada, usada, revelada,

aquela que lle é propia e singular,

a que é unicamente sua,

está empobrecendo ó mundo

e perpetrando o seu propio xenocidio.

 Non perpetremos o noso propio xenocidio. Temos palabras para toda a vida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies