Para que serven os libros na época da IA?

Monumento ao libro - A Coruña

“Xa está. Xa pasou o Día. Antón Avilés de Taramancos xa ten a merecida restitución do seu nome, reincorporado por vía da súa propria obra aos fundamentos máis sólidos do noso progreso como pobo. Xa se enteirou todo o mundo(…)”

Así comezaba a súa columna d’A Nosa Terra Luísa Villalta, para reflectir sobre a utilidade dos libros, tras o que sería, desafortunadamente, o seu derradeiro Día das Letras Galegas.

Monumento ao libro - A CoruñaXa daquela, en maio de 2003, constataba con retranca Luísa Villalta que había libros que só valían para calzar a pata coxa da mesa. E se o tamaño non daba xeito, podíanselle arrincar cantas follas fosen precisas, mentres quedase o prólogo de Manuel Fraga Iribarne.

Nestes tempos novos da intelixencia artificial, o ilustre “ChatGPT” asegura que os libros serven para entreter, educar, informar, explorar, reflexionar e inspirar ás persoas. Non llo discuto, mais o neoliberalismo preeiro baixo o que vivimos propicia que saia do prelo demasiado xoio, o que impide discernir con claridade onde está o trigo limpo. O suceso dun libro ten por veces máis que ver coas estratexias de márketing que coa calidade literaria.

Alén diso, a sociedade de consumo na que vivimos favorece que o escritor/a teña como obxectivo atrapar clientes, antes que abrirlles os ollos aos lectores educándoos, informándoos, mostrándolles novas realidades e inspirándoos para que se impliquen activamente no proceso creativo.

Nabokov sinala as calidades do bo lector: é aquel que ten imaxinación, memoria, un dicionario e certo sentido artístico. Así que xa podedes borrarvos de todos os clubes de lectura aos que estades apuntados. Non serven de nada.

Isto en canto ás calidades. En canto a cómo debe ler un bo lector, para iso tamén ten unha idea o profesor Nabokov:

“Aínda que pareza estraño, os libros non se deben ler: débense reler. Un bo lector, un lector de primeira, un lector activo e creador, é un “relector”. Só ao reler se produce o “estremecemento revelador.”

Precisamos mapas literarios que nos mostren onde están as escritoras/es de primeira, como Luísa Villalta, para lelos e relelos ata o estremecemento revelador, e superar así o neoliberalismo e o consumismo.

Placa no monumento ao libro - A Coruña

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies