Un poema para agosto (V): Álvarez Cáccamo

Menhires

Xosé María Álvarez Cáccamo escribía en 1998 esta “Crónica do espanto” sobre o terror fascista en 1936. O que transcribimos a continuación é só un fragmento, neste caso, sobre os asasinatos no Campo da Rata, na Coruña.

CRÓNICA DO ESPANTO (Galiza 1936)

 

A gadoupa mecánica do monstro diminuto

non tremeu nunca

no momento de asinar pena de morte

e non tremeron nunca

os dedos dos fiscais a escribir morte.

 

Consello de guerra e pena de morte

para Guzmán e Suárez Ferrín,

Prego, Martín, Maseda e Mazariegos,

fusilados, Campo da Rata, A Coruña, trinta e un

de Agosto. Xuizo sumarísimo

con pena de morte para Pérez Carballo,

France e Bebel, os irmáns da lixivia,

Venancio Seoane, Florentino Rosales,

Fernando Negreira, Fabián Alonso,

Rogelio García, Antonio Barbeito,

Eloy Lemus, Antonio Ramallo,

Jesús Varela, Francisco Ballón.

 

Centos de vidas nas mans do fiscal militar.

 

 As cartas que deixaron : “estarei sempre en vós

como che prometín”, “que non sintan vergoña

da miña morte os fillos”, “non haxa esquecimento

para os meus asasinos.”

 

As palabras soñadas contra os muros do ar,

a defensa imposíbel fronte á lei do exterminio:

“se o tribunal entende que o meu amor á Terra

é razón suficiente para quitarme a vida,

morrerei por Galiza.”

 

A sentenza inequívoca, o programa da morte,

cardo de lume azul. A historia edificada

sobre a cinza dos cranios.

  

Con masa de terror foi fabricada a Historia

e nos mesmos cimentos do crime

asentaron casa e familia

ministros      delegados      curas      alcaldes

secretarios      inspectores      policías

burócratas      banqueiros      militares

asasinos      asasinos      asasinos

Monumento fusilados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies