Un poema para agosto (II): Curros Enríquez

Monumento a Curros

Manuel Curros Enríquez (Celanova,1851 – La Habana,1908) recibía unha homenaxe no Teatro Principal da Coruña -hoxe Teatro Rosalía de Castro- o día 21 de outubro de 1904. Alí, na súa coronación, o poeta de Celanova lía o coñecido poema, “Ao pobo cruñes”:

AO POBO CRUÑÉS

Miñas donas, meus señores,

que polos papés chamados

(sempre estremosos comigo)

vindes honrarme a este acto:

 

¡Que non salla deste sitio,

onde me trouxo o meu fado,

se sei como agradecervos

tan lisonxeiro agasallo!

 

¿Que fixen eu, ¡voto a min!

pra merecer estes laudos,

pra que me tratés millor

que se fora o deputado?

 

¿Trouguen as ágoas á Cruña?

¿levei da Cruña a Santiago

o ferrocarril directo,

fai medio siglo agardado?

 

¿Tireivos algún trabuco

dos que vos están matando?

¿Fíxenvos algún camiño,

anque mesmo for de carro,

i anque mesmo fose a dar

ás miñas casas de campo?

 

¿Botei abaixo os consumos?

¿Fundei tal ves algún Banco

Agrícola, onde se axude

ós que viven do traballo?

 

Nada deso. Pois, entonces,

¿que razón hai nin que diaños

pra que me enchades o fol

de ousequios e de regalos?

 

¡Vítores, aclamaciós,

apoloxías i aprausos

a min, habendo outros antes

eiquí que os teñen gañados!

 

E… ¿quen son eu? Un poeta,

ou, como quen di, un paxaro

a quen tallaron o bico

cando empezaba o seu canto;

e que, dende aduela, mudo,

dos patrios eidos xotado,

por longas terras e mares

arrastra as áas sangrando.

 

Un poeta a quen un día

hastra ese nome negaron,

porque arrolar nunca soupo

o sono vil dos tiranos;

porque despertaba ós pobos

cos seus alegres recramos

i agoiraba auroras novas

que xa están alborexando;

un poeta a quen xueces

que Dios teña en seu descanso,

condenaron á cadea

que levan os presidiarios

e cuio ferron ¡ouh Cruña,

terra de peitos fidalgos!

mandaches limar a rentes

por man dos teus maxistrados.

Mais coido que nestas penas,

nestes aldraxes i escarnios,

nos que non hai groria algunha,

(que de homes son os traballos)

están as executorias

do voso tolo entusiasmo.

 

I é tamén, cecais, motivo

pra vir eiquí a demostrarmo,

o eco daquela palabra

de prestixio soberano

con que o moderno Demóstenes,

sol e honor do verbo hispánico,

ponderou eiquí os meus versos

en fulxentes ditirambos.

Pero aquel eco abafouno

a morte ¡e ben abafado!

pra que haxa paz e me estimen

todos no pouco que vallo.

 

Que si esas razós puderan

abonar favores tantos,

¿a quen lle fora o loureiro

da inmortalidá negado?

¿Quen non recolle inxusticias

no mundo e non trepa cardos?

¿Quen non probou algún día

da sorte o rigor amargo?

¿Quen pola cega amistade

non foi unha ves gabado,

nin que corazón sinxelo

non se viu exposto a enganos?

 

Os meus traballos, por meus,

débenvos ter sen coidado,

que s’eles con merescidos,

con sofrilos están pagos;

i os meus versos, se son bos,

anque eu os teño por malos

(i a proba téndela nestes

En que vos estou falando)

Pois que os sabés de memoria

i andan en tódolos labios,

¿que outro galardón soñaron?

 

Por eso, anque agradescido

a tantas mercedes, calo,

cando me mido con elas

tópome a seu par enano.

 

Cesade, pois, que estas festas

Sentan mal a un emigrado

e, máis que a min, fanlle falla

ao triste pobo galaico.

 

Esta croa, que me dades,

pra cando el trunfe eu lla gardo,

¡que abandono levou de espiñas

o corazón coroado!

 

Namentres, lidas cruñesas

de ollos como os meus pecados,

¡adiós! ¡Adiós, pescadores

do mar, na terra pescados

polas meigas, os caciques,

a usura… i outros andacios!

¡Adiós, Orzán temestoso,

Mestre-cantor afamado,

que presides os concertos

dos trobadores cantábricos;

patria de meu pai querida,

montes irtos, verdes campos,

mallas, degrúas, esfollas,

nas noites de luar craro,

romarías, gaitas, festas

arredor do santuario,

adiós! ¡E adiós compañeiros

i amigos do vello bardo!

Con fonda pena vos deixa

meu corazón desolado;

mais así o quer o destino

e non é ben contrarialo.

 

Cuba, que amei delorida,

acólleme expatriado

e nela n’ha de faltarme

unha cunquiña de caldo.

 

A todos aquí vos teño

dentro do peito cravados,

a todos, porque no levo

de nadie recordos malos.

¡Inda, adiós! ¡E faga a sorte

que, xa que tristes nos damos

a última aperta, vos tope

á volta alegres e salvos!

Sepulcro de Curros

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies