O profesor e escritor, Emilio Xosé Ínsua López (Viveiro, 1967), dedícalle á cidade da Coruña un poema titulado precisamente así.
A CORUÑA
Amada cidade, de cantábrico e indómito alento,
é o teu mar un convite perpetuo ao soño:
a historia percorre silente cada rúa túa
e un remol de identidades oréache o xenio.
Percórrote abrazado a seres invisíbeis
que me borboriñan ao oído relatos sobre ti:
cancións de taberna mariñeira, rebeldes berros
no castelo de San Antón, camaradas libertarios
que xerminan novas palabras, galeguistas
que chantan no teu cerne o amor da nación,
medoñentos silencios e prantos sen consolo
ao iracundo paso da camisa sinistra e azul.
Cidade de cintura oceánica e rostro de cristal,
do Parrote ao Orzán un salseiro respírate
interminabelmente fresco, nube ou choiva
que te fai florecer entregada ao mediodía.
Coruña da torre senlleira que marca con potente luz
a rota das despedidas, réndoche o meu amor,
admirada criatura chantada en pé,
con ollos de cristal,
fronte toda a inmensidade do océano.