Na Coruña –o día 5 de febreiro de 1999–, databa Lois Diéguez Vázquez (Monforte de Lemos, 1944) o poema titulado “Cambio de morada”. Versos dedicados a Manuel María e Saleta Goi García con motivo do seu traslado á Coruña en 1998.
CAMBIO DE MORADA
A Manuel e Saleta
que agora viven na
Coruña.
Viver o mar agora,
a luz das nubes brancas que vén do infinito
medindo cons de cercania
tras as novas xanelas.
A vida trouxo páxinas felices
en horizontes anunciados.
Naceu, quizá, outra palabra
se a palabra pode ter outra calor.
Paisaxes de azul e grises,
niño de sempre salgado de mar,
o paseo longo para apurá-lo
cada tarde
no murmúrio grande das ondas,
na amizade que se espella nas vidreiras
do peirao percurado.
E nós vimos de máis aló do frio
presenciar tanta alegria,
algunha vez,
ainda que no corazón
se nos abra unha brasa
e sintamos lonxíncua a calor
daquelas palabras.
A fin é sempre a alegria,
non o esquecemos,
e sempre a paisaxe se harmoniza
co anseio dunha nova morada.
Asi que, amando-a tamén, e visitando-a
facemo-la nosa como eles
e gozamo-la.