Un poema para agosto (XXII): Luz Pozo Garza

Luz Pozo Garza (Ribadeo,1922 – A Coruña, 2020) publicaba en 2005, As arpas de Iwerddon. Nel aparece o poema “Torre de Breoghan”.

TORRE DE BREOGHAN

 

ITH fillo de Breoghan

esculcaba o horizonte desde o alto

da Torre de Brigantia

 

Era nunha noite clarísima de lúa

Era como un espello toda a palma do mar

 

E daquela albiscou unha terra moi lonxe

quizais era unha illa envolvida nas albas

mar por medio

 

E chamou polos seus con alborozo

Non vexo senón nubes

respondéralle Bred fillo de Breoghan

 

Ith era experto en singraduras

Ith era sabio e moi perseverante

Ith impuxo a súa teima de conquistar Irlanda

 

Partiron cara ó Noroeste co corazón gozoso

e con todas as xentes da súa tribo

 

Tanto vigor e esforzo non consta na Ghabhala

pero son descendentes de Breoghan e basta…

 

En Brentracht en Moighi Iotha

nas costas da invernía

desembarcan con xúbilo e moi esperanzados…

 

Sen recelar un chisco do destino inclemente

que os deuses lles deparan

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies