Yolanda Castaño Pereira (Santiago de Compostela,1977) dedícalle á Coruña o poema titulado Mazás no xardín de Tolstoi. A voz poética, despois de percorrer o mundo con experiencias que a marcaron profundamente, sinala que quere “voltar á casa”. Xa que “o recanto/
que prefiro/da Coruña/ /xusto en ti.”
MAZÁS DO XARDÍN DE TOLSTOI
Eu,
que bordeei en automóbil as beiras do Neretva,
que rebañei en bicicleta as rúas húmidas de Copenhague.
Eu que medín cos meus brazos os buratos de Saraxevo,
que atravesei ao volante a fronteira de Eslovenia
e sobrevoei en avioneta a ría de Betanzos.
Eu que collín un ferry que arribase ás costas de Irlanda,
e á illa de Ometepe no Lago Cocibolca;
eu que non esquecerei aquela tenda en Budapest,
nin os campos de algodón na provincia de Tesalia,
nin unha noite nun hotel aos 17 anos en Niza.
A miña memoria vai mollar os pés á praia de Jurmala en Letonia
e na sexta avenida séntense coma na casa.
Eu,
que houben morrer unha vez viaxando nun taxi en Lima,
que atravesei o amarelo dos campos brillantes de Pakruojis,
e crucei aquela mesma rúa que Margarett Mitchell en Atlanta.
Os meus pasos pisaron as areas rosadas de Elafonisi,
cruzaron unha esquina en Brooklyn, a ponte Carlos, Lavalle.
Eu que atravesei deserto para ir ata Essaouira,
que me deslicei en tirolina dende os cumios do Mombacho,
que non esquecerei a noite que durmín na rúa en Amsterdam,
nin o Mosteiro de Ostrog, nin as pedras de Meteora.
Eu que pronunciei un nome no medio dunha praza en Gante
que unha vez suquei o Bosforo vestida de promesas,
que nunca volvín ser a mesma depois daquela tarde en Auschwitz.
Eu,
que conducín cara o leste até preto de Podgorica,
que percorrín en motoneve o glaciar de Vatnajökull,
eu que nunca me sentín tan soa coma na rue de Sant Denis,
que xamais probarei uvas coma as uvas de Corinto.
Eu, que un día recollín
mazás do xardín de Tolstoi,
quero voltar á casa:
o recanto
que prefiro
da Coruña
xusto en ti.
Unha resposta
aínda cinxida espazos lonxincuos
a lista amosa que o mellor lugar
pra gorentar as mazas
é onde agarda a persoa
con quen imos as partillar,
trabada a trabada
até que os beizos atopan
saúdos