Publicamos a nota de prensa que a AC Alexandre Bóveda vén de remitir aos medios de comunicación, na que solicitamos formalmente ao Concello da Coruña o cambio de nome da rúa “Alcalde Sanjurjo” por “Rúa Diplomáticos de Monte Alto”. Trátase dunha proposta que apela ao cumprimento da Lei de Memoria Democrática e á posta en valor dun referente cultural clave na historia recente da cidade.
NOTA DE PRENSA
A AC Alexandre Bóveda solicita o cambio de nome da rúa “Alcalde Sanjurjo” pola de “Rúa Diplomáticos de Monte Alto”
A Coruña, — A Asociación Cultural Alexandre Bóveda vén de presentar unha solicitude formal ao Concello da Coruña para que se proceda ao cambio de denominación da rúa “Alcalde Sanjurjo”, en cumprimento da Lei 20/2022 de Memoria Democrática, que obriga á retirada de referencias públicas vinculadas coa ditadura franquista.
O nome actual da rúa homenaxea a Eduardo Sanjurjo de Carricarte, alcalde franquista da cidade entre 1963 e 1965. Desde a AC Alexandre Bóveda considérase que manter esta denominación vulnera a lexislación vixente, ao exaltar a figura dun representante do réxime franquista, contrario aos principios democráticos e responsable da represión ideolóxica, política e cultural exercida durante a ditadura.
A propia Lei de Memoria Democrática, no seu artigo 35, establece que os topónimos que exalten a sublevación militar ou a ditadura franquista deben ser retirados, e insta ás administracións públicas a actuar neste sentido.
Un precedente claro: o cambio do nome do CEIP Sanjurjo de Carricarte
A petición da AC Alexandre Bóveda subliña tamén a incoherencia de manter esta denominación na rúa cando, no ano 2022, xa se procedeu ao cambio de nome do colexio situado na mesma vía. O antigo CEIP Sanjurjo de Carricarte pasou a chamarse CEIP Torre de Hércules, logo dunha proposta da comunidade educativa e das entidades sociais, que foi aprobada pola Xunta de Galicia e polo propio Concello da Coruña.
Este precedente, publicado no Diario Oficial de Galicia o 24 de maio de 2022, demostra a vontade institucional de avanzar cara a un espazo público libre de referencias á ditadura. A continuidade do nome da rúa supón, por tanto, unha contradición con ese proceso de resignificación democrática.
Proposta de novo nome: “Rúa Diplomáticos de Monte Alto”

Como alternativa, a AC Alexandre Bóveda propón que a rúa pase a denominarse “Rúa Diplomáticos de Monte Alto”, en homenaxe ao emblemático grupo musical coruñés que emerxeu nos anos 90 no barrio de Monte Alto.
Os Diplomáticos de Monte Alto, símbolo de irreverencia democrática, identidade galega e compromiso social, representan un referente cultural vivo e profundamente ligado á cidade. A súa figura permite visibilizar valores positivos, fomentar o orgullo local e reforzar a memoria colectiva desde unha perspectiva democrática e inclusiva.
Por todo iso a AC Alexandre Bóveda solicita que o Concello da Coruña inicie o procedemento administrativo correspondente para efectuar este cambio de nome, cumprindo así co marco legal e contribuíndo á construción dun rueiro que reflicta os valores de verdade, xustiza, reparación e respecto á memoria democrática.

3 Respostas
Estou totalmente dacordo co novo nome.
Que hicieron los “Diplomáticos de Monte Alto” para poner su nombre a una calle. Yo creo que habría que pedir el Premio Nobel para X. Souto
Tan estúpido una cosa como la otra.
Grazas por expresar a túa opinión. A proposta de dar o nome de “Rúa Diplomáticos de Monte Alto” a esta vía nace do desexo de visibilizar referentes culturais propios e de construír un rueiro que reflicta a diversidade e riqueza da nosa cidade.
Os Diplomáticos de Monte Alto son moito máis ca un grupo musical: son parte do imaxinario colectivo dun barrio e dunha xeración, representantes dun movemento, o rock bravú, que apostou por facer música en galego, con orgullo, humor e compromiso.
Ademais, escoller este nome é tamén unha maneira de levar o nome de Monte Alto a todos os lugares, recoñecendo o papel que este barrio ten na historia cultural da Coruña.
Non se trata só de cambiar un nome, senón de encher de sentido democrático e cultural os espazos que habitamos. Por iso cremos que esta proposta contribúe a unha cidade máis xusta, orgullosa da súa historia e aberta ao futuro.