Desde o 24 de novembro de 2017, día en que Sermos Galiza fai o anuncio da posta en marcha do proxecto para a edición dun diario en papel, até hoxe, 30 de novembro, en que o presentamos ao público, pasaron 636 días. Un período de xestación longo, só equiparábel co período de xestación das elefantas, situado, por termo medio en 625 días.
Durante este período fomos vivindo, con ilusión, con alegría, tamén ás veces con algunha decepción, a evolución deste ser que nace do amor de máis de 3000 galegas e galegos que acreditan na necesidade de ollar para o mundo desde a Galiza, de contar o mundo desde Nós mesmas, sempre desde o marco da pluralidade e do diálogo, con confianza nas nosas propias capacidades.
Esta criatura que hoxe nace –por máis que convencionalmente se chame número cero, este é o verdadeiro acto de nacemento– , seguirá ao abrigo da redacción até o 2 de xaneiro en que botará a andar cara aos quiosques ou cara á nube para a súa leitura dixitalizada, cara aos domicilios particulares ou cara ás bibliotecas, bares e salas de espera do país.
Permitide que, de novo, tome o símil das elefantas. E poñamos o ollo nesa cría recén nada despois de 22 meses de xestación. Mede algo máis dun metro de altura e pesa sobre cen quilos, referencias minúsculas se pensarmos nas medidas que alcanzará de adulto mais enormes se as comparamos cos parámetros humanos. Esa cría, aparentemente forte, é tremendamente feble, e precisará da protección de toda a comunidade durante algún tempo.
Nós Diario nace da fortaleza que dá non depender de ningún grande grupo de comunicación, de dependermos só de nós, e, desde esa posición escoitar todas as voces e ofrecer información veraz, rigorosa e plural. Mais para poder ofrecer todo iso necesitamos o acompañamento de máis persoas, ía dicer máis elefantas, que nos axuden a medrar. Queremos máis subscritoras para mellor poder andar os camiños da sabana informativa, para termos máis xornalistas, para chegarmos a máis xente.
Durante este tempo, nas presentacións públicas do proxecto, quixemos acompañarnos de espazos ou elementos simbólicos, fose o Hospital de San Roque en Compostela ou o mapa de Fontán no Parlamento de Galiza. Tamén hoxe, aquí en Pontevedra, quero invocar un símbolo situado a poucos metros de onde estamos, no convento dos franciscanos. Falo de Paio Gomes Chariño.
Poeta, almirante do mar co rei Afonso e, acrecento eu, un dos primeiros xornalistas galegos se por xornalismo entendemos non só dar a coñecer a realidade que nos rodea senón tamén ofrecer elementos de análise para o contraste de opinión.
De Chariño, que viviu case todo o século XIII (1225-1295) e morreu asasinado vítima das intrigas pacegas, conservamos vinte e oito poemas, algúns crónica pública, e en verso, das tensións políticas do momento, como aquel que alude á súa destitución como Almirante da frota do Rei Afonso:
Disseron-m’hoj’, ai amiga, que non
é meu amig’almirante do mar.
Ou aqueles textos en que sitúa o mar e a riqueza que produce como centro de poder e mellora social.
Paio Gomes Chariño, Sarmiento, Rosalía, Avelina Vallares, Castelao, Carvalho Calero, Guadi Galego, María Obelleiro… Elos dunha única cadea que asenta na memoria e na realidade para ofrecer unha ollada construtiva cara ao desenvolvemento e a transformación económica e social da realidade galega, contribuíndo a que o pobo galego conforme a súa opinión.
Bon día e que medre Nós Diario.
Intervención de Xoán Costa, presidente do consello de administración de Sermos Galiza, S.A., na presentación do número 0 de Nós Diario.