CIDADE TATUADA NA PÉTREA PEL DO MAR
A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña vén de presentar na biblioteca do Circo de Artesáns o proxecto A CORUÑA LITERARIA. Comeza hoxe un camiño no que levamos meses traballando e que queremos dar a coñecer para buscar apoios e poder así contar A Coruña, como cidade da literatura. A cidade narrada, poetizada, contada e cantada.
Desde o ano 2004, a UNESCO, Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, outorga un recoñecemento ás cidades que teñen no mundo do libro e a edición un dos seus principais brillos.
A primeira semellaba moi fácil, Edimburgo en Escocia. Só dúas no Estado español: Granada e Barcelona.
Desde a Asociación Cultural Alexandre Bóveda imos comezar un traballo que irá sumando xentes e vontades para poñer un foco sobre todo o que A Coruña ten feito arredor do libro e a lectura. Na AC Alexandre Bóveda imos contar unha historia de pioneiras, na edición do libro galego, no teatro en galego, na historia de Galicia que foi escribindo Murguía, na letra do himno que pensou Pondal. E poñer unha luz sobre o feito no pasado, no presente e no que está por facer arredor do libro e a lectura porque nós poderiamos ser a 3ª cidade da literatura do Estado español.
Na presentación en rolda de prensa tivemos a sorte de contar con Manuel Rivas, quen sinalou que “estamos a falar dunha cidade que xa é literaria. Esta iniciativa permítenos a redescuberta de nós mesmos.” Afirmou Rivas que “esta é a cidade dos obradoiros tipográficos, dos xornais…A cidade na que os obreiros lían. Aquí chegaban os emigrantes e exiliados coas maletas cheas de libros. Así chegou Sempre en Galiza de Castelao. A historia da Coruña caracterízase pola condición de vangarda creativa incesante.”
Tal como afirmou Manuel Rivas na presentación, “a identidade creativa é un trazo do pasado e o pasado é un presente recordado. A tradición dános vento e luz”.
Vento e luz que precisamos para levar a cabo o proxecto A CORUÑA LITERARIA.
Máis información na web A Coruña Literaria.
Unha resposta
A Coruña xa é cidade literaria. Só falta que nolo recoñezan. Paréceme unha iniciativa importante da Alexandre Bóveda. Coma sempre, na realización de grandes ideas…!
A cidade na que os obreiros lían… precioso comentario de Manuel Rivas…