En 1929 nacía na Silva –A Coruña– un dos artistas máis admirados e coñecidos de toda Galiza: o cantante e compositor Pucho Boedo. A esvelta estatua no barrio do Ventorrillo –no que era tan querido, coma no resto da cidade da Coruña e de Galiza– fai honor á súa elegante e luminosa voz.
Pioneiro no uso do galego para cantar, púxolle voz a Rosalía, Curros ou Celso Emilio. Emociona escoitar a Pucho poñerlle voz aos versos da “Cántiga” de Curros Enríquez:
Lonxe dela, de pé sobre a popa
dun aleve negreiro vapor,
emigrado, camiño de América
vai o probe, infelís amador.
O texto da foto do arquivo Vidal –de Pilar Pallarés– fai alusión a “como fala a ausencia”. Pucho Boedo soubo poñerlle voz á ausencia dos emigrados ou á pobreza do vello que dialoga co sapo:
Vendín prós trabucos bacelos e hortas
E vou polo mundo de entón a pedir
Mais cando non topo pechadas as portas
Os cans sáienme a elas e fanme fuxir.
Pucho tamén puxo a súa voz para cantar as belezas da súa terra:
“Quién fue el pintor que unió con su pincel
Todo el color verde sobre tu piel.
Quién dibujó las rías de tu paisaje”
A crítica fala de que Pucho Boedo tivo valentía, amor e sentido da beleza, por iso seguro que non vería mal a outro grande artista da música que comparte protagonismo nos parques coruñeses.
Rosalía de Castro escribía:
Airiños, airiños aires,
airiños da miña terra;
airiños, airiños aires,
airiños, levaime a ela.
E, Pucho Boedo púxolle voz aos versos da nosa autora. A ela foi a primeira, en 1963, en dedicárselle as Letras Galegas. En 2002, Manuel Rivas pedía un Día das Letras para Pucho Boedo. Razoaba a súa petición dicindo que Pucho soubo conxuntar na música tradición popular e literaria.
Querido e admirado na Coruña e en toda Galiza, Pucho Boedo merece todas as homenaxes que se lle poidan facer, coma a que lle dedicou a Cidade Vella da Coruña.
Pucho Boedo falecía na Coruña en 1986. Os seus restos descansan no Cemiterio de Santo Amaro.
Unha boa homenaxe –quizais a que el querería– que sempre lle poderemos facer a Pucho Boedo é escoitar as súas cancións. Escollemos tres das máis coñecidas:
“Cantiga”:
“Airiños, airiños aires”:
“Mi tierra gallega”: