Quen mellor que Víctor Casas para contar o nacemento das Irmandades da Fala?

Carnet das Irmandades da Fala de 1917
Carnet das Irmandades da Fala de 1917

Naceron as “Irmandades da Fala”, segundo o seu mesmo nome indica, para velar polo noso idioma que se estaba esvaendo e para o facer rexurdir ocupando o posto que lle corresponde. Esa foi a idea do mestre Ribalta e así consta claramente no libriño publicado por Villar Ponte nos comezos das “Irmandades”. En torno delas xuntáronse literatos galegos animados polo patriótico desexo de facer revivir a nosa lingua. E xa se ve que o conseguiron, pois podemos asegurar que hoxe o idioma galego, o noso medio de expresión, atópase nun florecemento xúrdio e verdadeiramente confortador, non soñado seguramente polos primeiros “irmáns da fala”.

Andou o tempo e o movemento lingüístico foise trocando nun movemento máis amplo que abarcase todos os aspectos da nosa vida galega. Ademais do labor a prol do idioma comezaron as “Irmandades da Fala” a estudar os problemas galegos e moi especialmente o da nosa liberdade política. Comezou a campaña agraria e veu de camiño o cambio do movemento esencialmente político coa finalidade de tratar de resolver todos os nosos problemas, xa que non era somente o da lingua o único que había que solucionar. E déronse solucións para todos. Viñeron ao movemento homes de todas as ideas e xa era preciso ter un programa. Ese programa fíxose na histórica, na xurdia e endexamais igualada asemblea de Lugo. O programa era un programa de verdadeira constitución do Estado galego. Desde entón comezamos a nos chamar nacionalistas, porque o noso pensamento era o de reconstruír a nación galega. Estábamos xa definidos e xa todos sabían quen eramos e ao que iamos. O noso era un movemento de reconstrución da Nosa Patria en todas as ordes e polo tanto era un movemento político, esencialmente político xa que un dos primeiros e máis principais puntos a resolver era o da nosa liberdade política.

E comezamos a actuar. E veu que nos chamaban arredistas, o que proba o carácter político do noso movemento. E fomos pouco a pouco e o movemento foi cundindo. Ata algunhas veces intervimos en eleccións co acordo previo de todos. As filas nacionalistas engrosaban, o rexurdimento galego operábase paseniñamente, rexurdiron os labregos, viñeron a nós artistas e xente de valemento e constituímos o único movemento serio e transcendente que hai en Galicia. A única realidade viva que é o nacionalismo. Comezouse a falar de nós. Os caciques, os que viñan usurpando a nosa conciencia colectiva comezaron a tremer. Definíronse os campos e puxéronse en contra nosa os inimigos da nosa liberdade. Nós, sempre con fe, decote con entusiasmo e non nos importando os obstáculos que nos puñan no camiño chegamos, despois de seis anos de esforzado e continuo laborar, ao momento actual. Ao par de nós, floreceron todas as cousas galegas e froito das nosas campañas e das nosas inxeccións de galeguismo é este rexurdimento que estamos ollando e que ninguén pode negar.

E despois de conseguido todo isto, despois de abranguer que o noso movemento sexa ollado con simpatía polos demais nacionalistas ibéricos, conseguido xa que os galegos das Américas comecen a se preocupar seriamente do nacionalismo, tendo conseguido que a semente por nós espallada comece a dar os arelados froitos ¿imos dar un paso atrás rectificando todo o labor de seis anos para non nos dedicar máis que a facer cultura? Non e non. Non debe ser así.

Está ben que se faga cultura, conforme, moi conforme. Pero non podo estalo con que se pretenda orientar o nacionalismo máis que nese senso. A miña condición de nacionalista integral impídeme estar conforme.

Agora que acaban de caer mortos en Sobredo varios galegos que eran a representación da nova Galicia posta en pé. No instante en que en Madrid estanse repartindo as actas dos distritos galegos, no momento do forte e vigoroso rexurdir agrario e cando todo o noso labor anterior está no seu maior apoxeo ¿imos retroceder para non facer máis que o labor primitivo? Non debe ser así. Os días actuais exixen, reclaman un labor enerxético, forte e intenso por toda a Terra. Un labor que xunte aos galegos nun movemento liberador, grande e puxante, que constituía unha fronte única contra os nosos escravizadores e contra os inimigos do rexurdimento da nosa vida. Temos que nos por en contacto cos agrarios, temos que ir por todos os recunchos da Nosa Terra facendo soar o clarín da nosa liberdade e chamar aos galegos á loita pola consecución da redención da Patria.

O nacionalismo é unha loita de defensa e debe ser forte, viril, con todo o entusiasmo e o calor de toda acción popular e redentora. Non debe ser feita coa frialdade que unha acción unicamente cultural leva aparellada. O movemento nacionalista actual non debe ter somente o carácter romántico e lírico que tiveron outros anteriores. Temos a obriga de facer que sexa o derradeiro, o que nos traia a liberdade e a redencións tantas e tantas veces suspirada.

Ademais, durante os seis anos da nosa actuación, ¿non se fixo un grande labor cultural? Repito que estou conforme con desenvolver a nosa cultura, pero non con que o nacionalismo sexa iso unicamente. O nacionalismo, como a mesma verba indica, debe intervir en todo canto á vida galega se refira e por nela o seu selo, a súa marca inconfundíbel. Así é como eu entendo o nacionalismo. Actuando en todo e non somente nun só aspecto, sexa este cal fose. ¡Que máis queren os caciques galegos, causantes dos asasinatos de Oseira, Nebra, Guillarei e demais, que o nacionalismo non sexa máis que cultura! ¡Con tal que lles deixen seguir mandando para obrar ao seu antollo! Eu ata teño medo de que se o movemento nacionalista non fose máis que cultural ingresasen nel todos os caciques galegos. Non se lles podería negar o dereito.

Non deixa de ser significativa a gabanza que os xornais caciquís dedican sempre a calquera acto cultural aínda que sexa realizado por nacionalistas. En cambio póñenlle o veto a outros labores por nós realizados.

Sigamos, pois, como ata aquí, traballando canto poidamos por facer rexurdir todas as cousas galegas en todos os sensos. Se o tempo nos probou que ese é o labor que temos que realizar ¿por que non facelo? Ollemos a realidade e xa veremos como ela nos obriga a seguir traballando como o fixemos ata agora. Nada hai na nosa actuación que nos obrigue a retroceder, senón todo o contrario. Avanzar e avanzar sempre; todo canto nos sexa posíbel. E máis aínda agora que o ideal nacionalista se enraíza fortemente na alma galega.

Víctor Casas, A Nosa Terra, n° 178, 1/2/1923

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies