A revolución de 1846, un abril de luz e liberdade

Monumento aos mártires de CarralEn tempos nos que recuperar a memoria histórica se fai imprescindible, temos o deber, nestes días de abril, de non deixar pasar por alto un acontecemento que, como sinala María Pilar García Negro en palabras para a edición de Abril de lume e ferro de Manuel María, “pasou a ser peza fundamental do acervo simbólico dos patriotas galegos”. Referímonos á nosa revolución de abril, esa rebelión que comezou o dous de abril de 1846 e que acabou traxicamente cos chamados Mártires de Carral, o día 26. Unha derrota que temos que converter en panca da nosa emancipación. Non podemos deixar que a nosa historia sexa borrada e cambiada pola que lle interesa ao imperio. Acontecementos como os que nos estamos a referir deben constituír uns valores imprescindibles na construción do noso presente e do noso futuro.

O día 2 de abril de 1846 o coronel Miguel Solís y Cueto ponse á fronte da insurrección galega na cidade de Lugo contra o goberno reaccionario do xeneral Narváez. Así conta o inicio da insurrección Francisco Tettamancy Gastón na súa obra La revolución gallega de 1846 (1908):

“En la mañana de ese día (1 de abril), hace su entrada en Lugo el 2º Batallón del Regimiento de Infantería de Zamora que, procedente de La Coruña, iba destacado a Valladolid…pernoctó el citado batallón en la capital lucense el Iº de Abril, hasta el siguiente día (2 de abril) en el cual, con objeto de proseguir su itinerario hacia Valladolid, dióse la orden de marcha á las tres de la tarde, saliendo formado de su alojamiento media hora después…Al llegar al barrio de San Roque, hizo alto: y en seguida se mandó á los soldados cargar sus fusiles. Se incorporó entonces á la fuerza, al propio tiempo que tomaba el mando de la misma, el coronel comandante del Estado Mayor de la Capitanía general del distrito D. Miguel Solís y Cuetos que en dicho día llegara a Lugo, previa licencia que se le concediera para atender al restablecimiento de su salud.”

Eran os primeiros pasos da nosa revolución de abril. Case de inmediato tamén se uniu ao movemento Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo. Os acontecementos destes días deixaron unha fonda pegada na historia e na cultura do país.
O día 15 de abril creouse a Xunta Superior Provisional de Galiza. Tratábase de executar mudanzas urxentes para Galiza articulando un goberno propio. O seu presidente foi Pío Rodríguez Terrazo. Antolín Faraldo foi o secretario e director do voceiro: La Revolución. Periódico oficial de la Junta Superior de Galicia. No seu primeiro número, 17 de abril, afirmábase:

“Galicia arrastrando hasta aquí una existencia oprobiosa, convertida en una verdadera colonia de la Corte, va a levantarse de su humillación y abatimiento… Despertando el poderoso sentimiento de provincialismo, llegará a conquistar Galicia la influencia de que es merecedora, colocándose en el alto lugar a que está llamado el antiguo reino de los suevos.”

Non hai dúbida de que se a insurrección galega de abril de 1846 tivo un carácter progresista, tamén tivo unha inspiración baseada nunha corrente de opinión pre ou protonacionalista. Cun arroupe social que non sería explicable sen un sentimento, máis ou menos difuso, de Galiza como pobo oprimido. Teriamos pois, unha insurrección baseada en dous eixos reivindicativos: por un lado, oposición ao goberno do conservador Narváez do Partido Moderado, e polo outro, reivindicar unha unidade territorial para Galiza, perdida pola Constitución de 1833.

O día 23 de abril, comezou a decisiva “batalla de Cacheiras“, nas aforas de Compostela, entre as tropas sublevadas e as enviadas polo goberno ao mando de La Concha. A grande superioridade das tropas de La Concha fixo inútil a resistencia dos sublevados. Así o relata Tettamancy na obra citada:

“A las ocho de la noche habían entregado ya las armas los soldados que componían la primera división del Ejército liberador de Galicia y sus jefes y oficiales, á excepción de unos cuantos que, escondiéndose dentro del laberinto de habitaciones del Monasterio (San Martiño Pinario, lograron burlar los propósitos del sitiador.”

Placa do monumento onde se citan aos fusilados
Placa do monumento onde se citan aos fusilados. Fotografía de Pepe do Couto.

Tras a detención, o que vén despois desemboca nos asasinatos dos coñecidos como Mártires de Carral. O día 26 de abril, en Carral, foron fusilados 12 oficiais -outro sarxento foi fusilado en Betanzos-. Testemuña dos asasinatos foron as paredes da igrexa de Santo Estevo de Paleo: nelas pequenos anacos de tea e moito sangue. Os soldados de Cachafeiro, encargados da execución non puideron despoxar os mortos e roubarlles as súas pertenzas, como era o costume, porque llelo impediu o párroco de Paleo, Mateo Pereira.

Así relata Tettamancy ese 26 de abril en Carral:

“Carral presentaba en aquellos momentos un aspecto lúgrube: sus habituales moradores huían á la capital de la provincia y á las aldeas inmediatas, dejando abandonados sus hogares para librarse de la soldadesca, que, posesionada del pueblo y abusando de la inmunidad del poder que le confiriera Villalonga, entregábase á todo género de inconveniencias, alardeando de botín de guerra la odiosa misión que iba a desempeñar.”

Tan impresionado quedou o cura de Paleo polo que ocorreu ese día que así o deixou escrito como afirma Tettamancy:

“De horroroso asesinato, estampa, como epígrafe bien significativo, el cura de Paleo, al extender en los libros parroquiales las partidas de defunción de los doce fusilados.”

Inauguración do monumento aos mártires de Carral
Inauguración do monumento aos mártires de Carral

Falabamos ao principio de recuperar a memoria histórica, pois ben, non será ata 1904 cando por iniciativa da Liga Gallega da Coruña se constrúa o monumento que hoxe honra a memoria dos Mártires de Carral. Onde si temos bos exemplos dos esforzos por manter acesa esa chama é na nosa literatura. Contamos con abundantes textos que poñen en valor a actitude dos Mártires de Carral. Murguía, Añón, Pondal, Manuel María e moitos outros viron claro o exemplo que nos estaban deixando para o futuro os actores da revolución de 1846. Manuel María escribía unha peza de teatro en 1974 que titulaba, Abril de lume e ferro. A peza non viu a luz ata a edición realizada polo Concello de Carral, en 1989. A ela pertence este fragmento:

SOLÍS – Foi un fermoso e nobre soño loitar por un pobo e pola súa Liberdade. Foi o soño máis fondo que puido imaxinar e vivir un home. Todo non se perdeu. Polo menos este soño non poderá ser vencido. Outros que veñan tras de nós hano de facer realidade.
BUCETA – Agardo que así sexa. Mais ti aínda podes salvar a vida.
SOLÍS – De nada vale a miña vida xa. Eu xa teño escollido.
BUCETA – A vida é moi longa. Ti só tes trinta e un anos.
SOLÍS – A miña decisión está tomada e ninguén me fará mudar. Nin a morte. Resistirei até o máximo.

Nestes días de abril, manteñamos viva a nosa memoria histórica e que a derrota da revolución de 1846 valla de construción do noso presente e do noso futuro. Como escribiu Pondal, “caeron, non morreron”:

Os traidores e infames,
os tránsfugas e necios;
aqueles que aplaudiron
o bárbaro decreto;
os tímidos e imbéciles
e d´ánimo fraquento,
ao ver de longe a costa
funesta de Paleo,
con risas ou con bágoas
ignaros din: «Morreron».
Mas unha voz sublime,
que vence o tempo e o ferro,
capaz d´erguer os mortos
do seu repouso eterno,
indignada contesta:
«Valerosos caeron, non morreron!».

………………………………………………………………………………………………………………
Podes descargar “Abril de lume e Ferro” na web da Casa Museo Manuel María

Para saber máis: Terra e Tempo: a nosa revolución de abril.

Los mártires de Carral – Francisco Tettamancy
[tnc-pdf-viewer-iframe file=”https://www.acalexandreboveda.gal/descargas/revolucion-abril/martires-carral-tettamancy.pdf” width=”650″ height=”800″ download=”true” print=”true” fullscreen=”true” share=”true” zoom=”true” open=”true” pagenav=”true” logo=”true” find=”true” current_view=”true” rotate=”true” handtool=”true” doc_prop=”true” toggle_menu=”true” language=”gl” page=”” default_zoom=”auto” pagemode=””]

La revolución gallega de 1846 – Francisco Tettamancy
[tnc-pdf-viewer-iframe file=”https://www.acalexandreboveda.gal/descargas/revolucion-abril/revolucion-tettamancy-1846.pdf” width=”650″ height=”800″ download=”true” print=”true” fullscreen=”true” share=”true” zoom=”true” open=”true” pagenav=”true” logo=”true” find=”true” current_view=”true” rotate=”true” handtool=”true” doc_prop=”true” toggle_menu=”true” language=”gl” page=”” default_zoom=”auto” pagemode=””]

Aquí tedes a carta do capitán Jacinto Dabán, uno dos mártires de Carral, unha hora antes da execución.

[tnc-pdf-viewer-iframe file=”https://www.acalexandreboveda.gal/descargas/revolucion-abril/CARTA-CAPITAN-JACINTO-DABAN.pdf” width=”650″ height=”800″ download=”true” print=”true” fullscreen=”true” share=”true” zoom=”true” open=”true” pagenav=”true” logo=”true” find=”true” current_view=”true” rotate=”true” handtool=”true” doc_prop=”true” toggle_menu=”true” language=”gl” page=”” default_zoom=”auto” pagemode=””]

E neste documento recompilamos as noticias sobre a revolución galega de 1846 recollidas en diversos xornais do estado.

[tnc-pdf-viewer-iframe file=”https://www.acalexandreboveda.gal/descargas/revolucion-abril/prensa-revolucion-abril.pdf” width=”650″ height=”800″ download=”true” print=”true” fullscreen=”true” share=”true” zoom=”true” open=”true” pagenav=”true” logo=”true” find=”true” current_view=”true” rotate=”true” handtool=”true” doc_prop=”true” toggle_menu=”true” language=”gl” page=”” default_zoom=”auto” pagemode=””]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies