Parece ser que polo menos desde 1883 Rosalía viviu no lugar da Matanza (Padrón), onde a familia alugou unha casa. Nela fina a autora –aos 48 anos de idade– o día 15 de xullo de 1885. Ao día seguinte –16 de xullo–, é soterrada no cemiterio de Adina, en Iria Flavia, camposanto ao que ela cantará en Follas novas (1880):
O simiterio d’a Adina
N’hay duda qu’è encantador,
C’os seus olivos escuros
De vella recordazon;
Co seu chán d’erbas e frores
Lindas, cal n’outras dou Dios;
C’os seus canónegos vellos
Que n’el se sentan ô sol;
C’os meniños qu’ali xogan
Contentos e rebuldós;
C’as lousas brancas qu’o cruben,
E c’os humedos montons
De terra; ond’algun–ha probe
Ô amañecer s’enterrou.
Mòito te quixen un tempo,
Simiterio encantador,
C’os teus olivos escuros,
Mais vellos qu’os meus abós,
C’os teus cregos venerables,
Que s’iban sentar ô sol,
Mentras cantaban os páxaros
As matutinas cancións,
E c’o teu osario humilde
Que tanto respeto impon
Cando d’a luz que n’el arde
Vé un de noite ò resprandor.
Moito te quixen e quérote,
Eso ben o sabe Dios;
Mas hoxe, ô pensar en tí
Núbrasem’o corazon,
Qu’a terra está removida,
Negra e sin frols.
O día 25 de maio de 1891 foi exhumado o corpo de Rosalía e levado solemnemente a Santiago de Compostela, onde foi sepultado ao día seguinte no mausoleo –sufragado pola emigración cubana– que para ela creara o escultor compostelán Jesús Landeira na capela da Visitación do Convento de San Domingos de Bonaval.
A prensa da época describe con profusión o traslado a Bonaval dos restos de Rosalía. O cortexo fúnebre chegou á estación de tren de Cornes ás seis menos cinco da tarde e ás oito chegaba a Bonaval. Exhíbese a bandeira galega, rodeaban o féretro multitude de coroas de loureiro e pronunciáronse varios discursos. Á chegada á Igrexa esperaban dúas filas de estudantes con fachos acendidos que daban un aspecto espectacular ao momento.
Alí –en Bonaval, no denominado Panteón de Galegos Ilustres– descansan os restos de Rosalía de Castro. Desde entón, recibe homenaxes e ofrendas. O día 23 de setembro de 1904, con Curros de viaxe momentánea en Galiza –estaba emigrado en Cuba–, homenaxea a Rosalía lendo na súa tumba de Bonaval o poema titulado precisamente así: “Na tumba de Rosalía”. Nestes versos, Curros critica a alienación social do pobo galego: a ignorancia e o menosprezo do propio, a renuncia á lingua, o mimetismo e loa do dominante imposto… Unha imposición que acabamos aceptando “a couces e pancadas”:
Mais dorme, Rosalía, mentras tanto
N–as almas mingoa a fe y–a duda medra
¡Quén sabe si d’este recinto santo
Non quedará maña pedra con pedra!
¡Quén sabe si esta tumba, n–ese día,
Chegará á ser, tras bélicas empresas,
Taboleiro de yankee mercería
Ou pesebre de bestas xaponesas!
Ademais dos de Rosalía, no Panteón de Galegos Ilustres –na Igrexa de San Domingos de Bonaval– descansan os restos do político rexionalista Alfredo Brañas, do escultor Francisco Asorey, do poeta Ramón Cabanillas, do xeógrafo Domingo Fontán e de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]
En 1885, ano da morte de Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez escribía o coñecido poema na súa honra ao que lle puxo música Luís Emilio Batallán:
Tamén Carmen Penim fai a súa versión do tema musicado por Batallán: