Nesta casa –número 3 da rúa Príncipe da Coruña, na Cidade Vella– viviu Rosalía de Castro coa familia en 1873, como sinala a placa da fachada. Nomeado Murguía director do Arquivo Xeral do Reino, a familia vive na Coruña entre 1871 e 1874. No segundo andar vén ao mundo a quinta filla do matrimonio, Amara, en 1873.
Non moi lonxe de alí –no porto– saían os emigrantes para América. Así os ve –no Parrote– Rosalía no poema “Pra a Habana!”, de Follas novas (1880):
De humanos séres á compauta linea
Que brila ô sol, adiántase e retórcese,
Mais preto, e lentamente as curvas sigue
D’o murallon antigo d’o Parrote.
O corazon apertase d’angustia,
Óyense risas, xuramentos s’oyen,
Y as brasfemias s’axuntan c’os sospiros…
¿Onde van eses homes?
Dentro d’un mes n’o simiterio imenso
D’a Habana, ou n’os seus bosques,
Ide á ver que foy d’eles…
¡N’o etern’olvido para sempre dormen!…
¡Probes nais que os criaron,
Y as que os agardan amorosas, probes!
Preto tamén da casa onde moraba Rosalía na Coruña, atopamos igualmente a súa pegada: no Xardín de San Carlos.
Alí está enterrado John Moore, xeneral británico que morreu na batalla de Elviña en 1809, na que se enfrontaron franceses e ingleses no marco da guerra de Independencia española na Galiza.
Pois ben, Rosalía de Castro dedicoulle en Follas novas un poema a Jonh Moore que está gravado nunha lápida á dereita do mirador do xardín:
¡Cuan lonxe, canto das escuras nebras
Dos verdes pinos, das ferventes olas
Qu’o nacer viron!..; dos paternos lares
Do ceo da patria, qu’o alumou mimosa
Dos sitios ¡ay! do seu querer: que lexos
Víu á caer baix’enemigo golpe
Pra nunca mais se levantar, coitado!
Mais que fermosa e sin igual morada
Lle coup’en sorte ós teus mortales restos…
C’o seu respeto compasiva vela
Pol–o estranxeiro á quen traidora norte
Fixo fincar lonxe dos seus, a á alleos
Víu á pedir o derradeiro asilo.
Cando do mar atrevesés as ondas
Y o voso hirman á visitar veñades
Poñé na tomba o cariñoso oído
E se sentís rebuligar as cinzas
E s’escoitás indefinibres voces
E s’entendés o que esas voces digan
A y–alma vosa sentirá consolo
¡El vos dirá qu’arrededor do mundo
Tomba millor qu’aquí atopou n’achara
Senon dos seus antr’o amoros abrigo.
Á entrada da Coruña tamén nos recibe, desde 1989, unha estatua dedicada a ela, do escultor Ferreiro Badía.
Como sabemos, os restos de Rosalía descansan no Pateón de Galegos Ilustres, na Igrexa de San Domingos de Bonaval, en Compostela, os de Manuel Murguía descansan, xunto cos de Pondal e Curros, no Cemiterio de Santo Amaro da Coruña.