Dentro do ciclo Pensando o futuro, tivemos a oportunidade de escoitar a palestra de Iria Veiga, Saúde mental e autocoidado nas mulleres. Presentada por María Xosé Bravo, a médica psiquiatra comezou sinalando a importancia da ciencia: ler datos científicos para entender o mundo. A ciencia –unha ferramenta– é neutra, mais as persoas que a fan non. Por iso, nos usos da ciencia podemos atopar nesgos ou prexuízos. E, o erro científico resólvese con máis ciencia.
Afirmaba Iría Veiga que non existe un cerebro masculino e outro feminino. O que si condiciona o desenvolvemento dunha ou doutra parte do cerebro é o ambiente ou a profesión na que nos desenvolvemos. Deste modo, o medio no que se moven as mulleres pode incidir en que adestren ou desenvolvan máis certas partes do cerebro.
Tamén o ambiente no que nos desenvolvemos pode influír na maneira de enfermar. Estatisticamente, os homes enferman máis de meningococo, hepatite C, EPOC, ACV ou cancro de colon; pola contra, as mulleres de VIP, tuberculose, enfermidades autoinmunes ou cancro de mama. O 70% dos efectos adversos da vacina do COVID sufríronos as mulleres, quizais porque non se fixo un estudo diferenciado e porque non se escoita as mulleres.
A maioría das doantes vivas son mulleres e os receptores, homes. A pesar de que os transplantes fracasan máis nos homes ca nas mulleres, estas son máis excluídas á hora de recibir unha doazón.
As mulleres –sinalaba Iria Veiga– empregan máis –e de xeito máis correcto– os sistemas de saúde, mais sofren retrasos diagnósticos e solicítanselles menos probas complementarias. A muller é percibida socialmente como enferma polo feito de ser muller. Os homes reciben máis e mellor atención: ingresan máis, fánselles máis probas, reciben atención especializada e recéitanselles máis analxésicos.
Á hora de escoller o léxico para describir a enfermidade, os homes utilizan termos máis obxectivos e as mulleres máis subxectivos. Hai unha tendencia a considerar “atípicos” ou “inespecíficos” os síntomas que relatan as mulleres. Parece que os síntomas dos homes son a norma e o das mulleres o “atípico”.
O anterior –o de considerar signos non específicos das enfermidades– fai que as mulleres sexan diagnosticadas máis habitualmente de depresión. E, en consecuencia, que se lles receiten máis psicofármacos. As mulleres enferman de depresión o dobre ca os homes. Hai unha serie de factores sociais que contribúen a que enfermen as mulleres: sufrir violencia sexual, estar casada, maior número de fillos, dobres e triplas xornadas, maior precariedade laboral, menores rendas (salarios, pensións), maior risco de pobreza, violencia de xénero.
Mabel Burin –en 1993– describe tres roles depresóxenos: o rol de nai, o rol de ama de casa e o rol de esposa. Canto máis flexibles sexamos no desenvolvemento do rol, menos depresión. As mulleres deben ocupar o espazo público, social e laboral. A interrelación protexe da depresión.
Nunha segunda parte da palestra, Iría Veiga falou do autocoidado. Comezou sinalando que para a OMS o autocoidado era “a capacidade de individuos, familias e comunidades para promover a saúde, previr enfermidades, manter a saúde e facer fronte ás enfermidades e discapacidade con ou sen o apoio dun provedor de atención médica”. A cultura patriarcal incide no que entendemos por autocoidado. Moitas veces, os consellos que nos propoñen ás mulleres como autocoidado parecen o contrario do correcto. Hai unha visión moi estreita con relación ao que as mulleres poden facer co corpo e co movemento. Recoméndanse en exceso actividades relacionadas co pasivo e coa autoobservación por medo a non ser capaces de realizar outro tipo de actividades. Isto relaciónase con ver as mulleres como inherentemente enfermas. Tamén a actividade social –tecer redes– ten que ver co autocoidado, igual ca o pracer coa comida pode ser autocoidado. Do mesmo xeito que a desconexión dixital (offline) non sempre ten que ser boa para o autocoidado.