Cheikh Fayé naceu no Senegal e emigrou cumpridos xa os corenta, asentou na Coruña e despois duns anos traballando nunha empresa de ferralla, a crise deixouno na rúa. Hoxe sobrevive na venda ambulante e fai esforzos por integrarse e comprender Galiza e así un día decide escribir un blog, Senegaliza, Gade Escale – A Coruña, unha viaxe de catorce anos, no que dá conta da súa vida. E con eses textos e outros inéditos decide publicar un libro que edita a AS-PG, Ser Modou Modou. O martes 11 de xullo preséntase no noso local.
Este que podedes ler a continuación é o limiar escrito pola Presidenta da AC Alexandre Bóveda:
A psicoloxía define a resilencia como a capacidade dos seres humanos para adaptarse positivamente a situacións adversas. Mirado cos ollos dunha galega Cheikh Faye é o mellor exemplo de resilencia, é o amigo que sempre semella (digo semella, non digo é) inmune ao desalento, que cada mañá decide “vestirse” cun sorriso. O home, que non o estranxeiro, que pensa, que sente… claro! mais tamén que di e que fai; e así nace Senegaliza ese caderno de bitácora, ese espazo de reflexión para transformar, ese instrumento, modesto seguramente, para contribuír a un mundo máis humano. Un blog que é de reivindicación e de denuncia; mais é, sobre todo, a ferramenta de participación de quen defende dereitos e asume responsabilidades, de quen explicita claramente que non quere ser espectador que quere ser actor; porque Senegaliza nace como un espazo de participación efectiva e afectiva; porque a súa resilencia ten os alicerces nese non querer vivir ao marxe do que ocorre aquí, de ser home que non se illa, de ser obreiro que quere que as súas mans sirvan para construír este país que chamamos Galiza…
Un home que sabe, como sabemos as nacionalistas, que a acción se se quere transformadora ten que ser política, e política práctica e participativa, por iso Cheikh Faye e Djiby Fall formaron parte da lista do BNG ás eleccións municipais do 2015. Formaron parte desa lista escasamente unhas semanas até que a lexislación española lles impediu participar. Mais cumpría dicir alto e claro que para o nacionalismo galego ningún ser humano é ilegal e porque temos semellantes as feridas e porque os nosos soños son iguais… como un irmán che falo. Cheikh sabía, como as nacionalistas sabemos, que as sociedades se constrúen cada día, en función dos intereses (alleos a nós moitas veces) mais tamén, e sobre todo, das vontades; e por iso deu un paso adiante, ao igual que escribe este caderno para axudar na busca de solucións de xeito colectivo.
Estes textos que se presentan aquí, moitos do seu blog, outros moitos escritos ex novo para este libro, son, nestes tempos de valados e fronteiras, un espazo libre, un xeito de diálogo con espírito aberto de reflexión crítica; unha visión sobre Galiza dunha persoa nacida a miles de quilómetros na África atlántica. Haberá outras moitas visións sobre Galiza, sen dúbida, máis esta ten mirada limpa, inocente, amable (demasiado amable?) mais tamén crítica, cando cómpre, sobre o noso país e as súas xentes. É difícil atopar unha historia máis tenra que a que Cheikh nos conta en Tres comidas en Corme e penso no acaídos que serían estes textos para a materia de Valores Éticos, como ferramenta didáctica e para a aproximación a outras realidades, a outras miradas, na formación da vida social e política d@s adolescentes da Educación Secundaria.
Ser modou modou, o título deste libro, vén significar ser inmigrante mais tamén foneticamente semella que fala da necesidade de mudar, de cambiar, de deixar o teu país na procura dunha vida mellor para ti, mais, sobre todo, para os teus. E da esperanza posta nesa mudanza, nesa viaxe, podemos sentir, como galegas, que é excesiva e errada; mais escoitemos amodo a Cheikh, leamos ao escritor senegalés Abasse Ndione cando fala “de cruzar o mar ou morrer aos poucos” e entenderemos mellor o soño de mudar. Logo, é verdade que a realidade é como unha forte labazada; e as galegas diso sabemos moito e son moitas as imaxes de dor e tristeza que a emigración nos deixa; e ese pé no debuxo de Castelao “Miña nai. Non quería morrer alá” que as exemplifica todas.
O que Cheikh aporta no seu blog é un intercambio de saberes e por iso agora, grazas a AS-PG, o trae ao papel, o fai tanxible e sae á busca de lectores; e faino porque comparte esa idea de Paulo Freire de que a utopía non é o irrealizable, a utopía é un compromiso histórico que se adquire por ser fillo dunha terra e acreditar en que nada humano che é alleo e indiferente.
Se Cheikh tivese coñecido a Lois Pereiro seguro que lle tería “roubado” para ser cita de declaración de intencións ese “que a vida non me sorprenda xamais desprevenido, calado e neutral”.
Cheikh non pretende ser porta-voz do milleiro de senegaleses que viven na Coruña; el só quere ser alta-voz da realidade das persoas veciñas da Coruña que naceron moi lonxe de aquí e exercer o dereito das persoas a ser escoitadas, porque as súas vidas son moi, moi difíciles, mais teñen moito que contar. E Cheikh ao igual que a meirande parte dos seus compatriotas saben que a crise (ou chamámoslle simplemente capitalismo?), que tanto se cebou neles, non é conxuntural; veu para quedarse e como as víboras morde, sobre todo, os pés dos descalzos. Mais este libro non é pesimista; Cheikh no seu xeito senegalego de ver o mundo fala de paz e de esperanza, esperanza no futuro do seu país, ese Senegal que se enfronta a novos desafíos e que tanta xente confía, espera, nas solucións propias para os problemas urxentes. E Cheikh fala da escola sen paredes e sen pupitres na que estudan os seus fillos, do desemprego, da pobreza, da axuda que del espera a súa familia e que non sempre pode enviar; mais el insiste e porfía ao seu xeito en cambiar o mundo, un anaquiño minúsculo do mundo, desde os seus textos falando de tradición e de futuro ao seu xeito claro, desde a posición que é explícita porque así o di: “quero contar a historia da caza desde o punto de vista dos leóns” contar a historia desde o punto de vista dos desherdad@s da terra, desde o punto de vista dos que non teñen pan… quizás a esperanza estea en bater xunt@s no lume sagrado, en ser ferreir@s dun mundo mellor.
Sobran motivos para levantar a voz, para berrar alto e claro que cómpre coñecérmonos para construír ética e politicamente xuntos o futuro que queremos.
Só me resta celebrar e agradecer como galega este espazo de oportunidade para aprehender o mundo coas gafas que agora nos empresta un amigo que chegou de lonxe.
Toda a súa forza é a forza da palabra… Hai alguén aí?
Podes previsualizar as 20 primeiras páxinas do libro desde a tenda da AS-PG.