No ano 1838, o Concello da Coruña adquiría un soar –no que hoxe é o número 37 da rúa Rego de Auga– para a construción dun teatro. Será no ano 1841 cando rematen as obras do –por aquel entón– chamado Teatro Novo ou Principal.
En 1909, múdaselle o nome para homenaxear a unha das principais figuras da nosa cultura: Rosalía de Castro. Desde ese ano, o teatro pasa a denominarse oficialmente “Teatro Rosalía Castro”, sen a preposición “de”.
Como sabemos, o noso símbolo cultural máis senlleiro é coñecido por todo o mundo polo nome de “Rosalía de Castro”, coa preposición “de” incluída.
Algunhas persoas, cando escoitan ou len o nome de “Teatro Rosalía Castro”, dubidan se se refire á nosa autora. Agora que se cumpren cento cincuenta anos da chegada de Rosalía de Castro á Coruña –para vivir na nosa cidade–, sería unha boa homenaxe que o nome oficial do teatro da rúa Rego de Auga incorporase ese “de” que leva o nome da nosa autora.
Por todo o anterior, desde a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña solicitamos ao Concello da Coruña que o “Teatro Rosalía Castro” pase a denominarse oficialmente “Teatro Rosalía de Castro”.
A Coruña a 23 de outubro de 2021
Unha resposta
Moi dacordo coa proposta. Adiante, a ver se se consegue…!