“Os coidados son moito máis que a casa, as crianzas e as persoas dependentes. Coidados son todos eses traballos invisíbeis que permiten a reprodución da vida, todas esas tarefas ás que non lles damos importancia e sen as cales a nosa existencia, tal e como a coñecemos, non sería posíbel”
(Manifesto, Verín, 1 de marzo de 2020)
Tecín soia a miña tea,
sembrei soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
Nin na fonte nin no prado,
así morra coa carrax,
el non ha de virm’a erguer,
el xa non me pousará.
¡Que tristeza! O vento soa,
canta o grilo ó seu compás…
Ferve o pote… mais, meu caldo,
soíña t’hei de cear.
Cala, rula, os teus arrulos
ganas de morrer me dan;
cala, grilo, que si cantas,
sinto negras soïdás.
O meu homiño perdeuse,
ninguén sabe en onde vai…
Anduriña que pasache
con el as ondas do mar;
anduriña, voa, voa,
ven e dime ond’está.
(Rosalía de Castro. Follas Novas)
Ábe Rábade– Guadi Galego– Anxo Angueira: Tecín soia a miña tea:
Roi Casal: Tecín soia a miña tea:
“O patriarcado é un instrumento fundamental para o sistema capitalista. Asignándonos ás mulleres as tarefas de coidado e xerando un mundo público masculino desvinculado dos tempos biolóxicos e ecolóxicos, onde os horarios laborais non importan porque estamos nós na casa para ocupármonos dos coidados da terra e da familia.”
(Manifesto, Verín, 1 de marzo de 2020)
Muller, fartura de loita
Qué che hei decire eu, muller?!
Ti és coma a terra nosa,
E a terra é coma ti é!
Deixeivos a entrambas soias
Anque convosco quedei
Valeira está a terra, morna
Ti, sementada, abofé. (bis)
………………………………
Ai, muller, cántas noitiñas,
Te deitaches coa tristura?,
E o vento, ainda che traguía,
As novas dos que marmuran.
………………………………..
Ti és o milagre da terra
E, a terra é un milagre teu
Mistura de mel e cerna
De fera e de anxo do ceo.
Pariches de pé o fillo,
como fan no mente as bestas.
E hoxe que volto vencido,
para que eu venza ti te deitas.
O voltar, qué che hei decir?!
Maldito o día e a hora
en que te deixei aquí
pra percurar vida fora!
O inverno da emigración
roubóunos a primavera,
quén eu era, xa non son,
e ti non és a que eras!
Xa poden os leiros dar
colleitas ben abondosas,
poden en Madrí falar
con palabras ben fermosas,
que nunca nos han de pagar
a nosa fame de outrora!
(Fuxan os Ventos)
Fuxan os Ventos: Muller:
“Non imos consentir máis violencia contra os nosos corpos. Corpos diversos cos que queremos gozar da vida, da nosa sexualidade. Non imos permitir as discriminacións ás que as mulleres lésbicas, bisexuais e transxénero seguimos sometidas pola nosa orientación sexual e identidade.”
(Manifesto, Verín, 1 de marzo de 2020)
Lapidadas
Como ovellas que van ao matadeiro
camiñades a serdes lapidadas
en reas, silenciosas e humlladas
baixo a mirada atenta do carneiro.
Que o voso sangue sexa o derradeiro
a mollar esas terras msgoadas
polo integrismo cruel, polas brigadas
dunha fe que vos nega todo abeiro
Maldita sexa a man que tira a pedra!
maldito na demente e no futuro
o nome dos que erguen ese muro.
sobre peitos que alientan! Sexa a hedra
nai piadosa a cubrilas, nai que medra
a reclamar a vida en berro puro!
(Marica Campo. Mulleres)
o bardo usa o seu puño de Ferro
o puño de Ferro cargado nos bares
o puño que sempre peta na Muller
(a costela edénica o repouso do guerreiro)
catorce denuncias na comisaría
catorce impresos impregnados de sangue
a policía atender amable a Muller
a policía viste uniforme de home
os homes non choran pero violan
os homes píllanas entre os pinos soas
na parede da comisaría hai un calendario azul
na bandeira da tribo tamén hai unha franxa azul
de azul as lámpadas fluorescentes para as moscas
de azul a cámara dos productos conxelados
de azul a camisa do comisario de banca
de azul a coiraza do corpo de policía
de azul as batas das internas do psiquiátrico
de azul a casa dos pistoleiros da guerra.
(Carlos Negro. Far West)
Ósos de Muller
ósos que encolleron na humidade do inverno
de todos os invernos
que anegaron o século.
Ósos de muller,
ósos ou cristal que non resiste os días
e se crava na carne
recordando a dor de cada parto
de cada océano de sangue
que o corpo vomitou.
Ósos de Muller
que esmorecen no inverno das mil chuvias
e volven á terra que podamos,
á eternidade do silencio e á verdade
á detención do sufrimento.
(Marta Dacosta. As amantes de Hamlet)
“Hoxe estamos na rúa visibilizando o que fica oculto nas nosas casas, esixindo responsabilidade social e colectiva no coidado do territorio e do medio ambiente, esixindo que se recoñezan os coidados como un ben social.”
(Manifesto, Verín, 1 de marzo de 2020)
É
este
o tempo
dos sucos novos.
Espertemos
de sonos de antano
en barola amolecidos
e gocemos
plenamente
das estreliñas
mareiras
de cinco puntas
violetas
que penduran
na rede
dos nosos soños.
Quero ser violeta.
Quero ser violeta.
Repite comigo.
Porque non podo
vivir en déficit
comigo mesma.
(Mercedes Queixas–Xoán Carlos Domínguez.
Partituras)