“Polo San Martiño, castañas e viño”
“Castañas, noces e viño, fan a ledicia do
san Martiño”
“Con castañas asadas e viño novo xa non
morre o pobo”
O refraneiro galego non mente. Aínda que Os Resentidos cantaban “un magosto para agosto” e a pesar da nosa Galiza inzada de eucaliptos a verdade é que, chegado o outono, os soutos traen fartura. Danse ben conta disto os poetas. No poema “O ourizo” –Os soños na gaiola, 1972– Manuel María preséntanos o ourizo como un señor ledo e riseiro pola riqueza que garda –entre espiñas– dentro:
Co seu ouro vello, mol,
o ourizo ouriceiro
toma o sol
no pico dun castiñeiro.
Tal un señor moi mandón:
o ourizón,
no pico dun castiñeiro
tomando o sol moi riseiro.
O ourizo está moi ledo
coa súa casa ben pechada
–¡ouh, qué medo!–
de espiñas toda cercada.
Quer botar unha risada
e os seus dentes arregaña
case un nada:
¡e xa fuxiu a castaña…!
Para o poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán o ourizo é un cabaleiro que ten o seu pazo cheo de ouro. Tamén sorrí como o de Manuel María e véselle o tesouro que leva dentro:
“Inda que rendas non cobre,
no outono de ouro vai cheo
o seu verdecente pazo
o ourizo, bon cabaleiro,
e cando olla tal tesouro
o ourizo, que xa vai vello,
sorrí, e ao sorrir amostra
a nobreza do seu peito”
Ante un produto tan prezado –unha importante fonte de alimentación durante moito tempo–, non é de estrañar que os “nenos” do poema de Curros pedisen castañas –”crocas”– por cantar “o maio”:
Aquí ven o mayo
De frores cuberto…
Puxéronse á porta
Cantándome os nenos;
Y–os puchos furados
Pra min estendendo,
Pedíronme crocas
D’os meus castiñeiros.
SonDeSeu: Aí vén o maio:
Tamén á “meniña” de Cantares gallegos de Rosalía lle prometen dar castañas –”zonchos”– se cantaba, cousa que si fixo:
As de cantar
Que ch’ ei de dar zonchos;
As de cantar
Que ch’ ei de dar moitos.
Uxía: Has de cantar:
Chegado novembro, xa apañadas e recollidas as castañas e feita a vendima, veñen as celebracións populares do magosto, onde a comida consiste fundamentalmente en castañas asadas. Tamén celebramos o Samaín, os días de Defuntos e Todos os Santos. Relacionados con eles, os magostos son unha especie de banquetes funerarios: unha comida en honra de todos os defuntos da parroquia. O castiñeiro –segundo varias fontes– é unha árbore funeraria. Estamos, pois, nunha época do ano chea de ritos e tradicións fúnebres, probablemente milenarias.
Ao magosto tamén lle canta os poetas. É o caso do precursor do Rexurdimento, Francisco Añón, co poema titulado precisamente así, o magosto:
E d’esta sorte pasamos
A noite con grande gosto,
De parolar nos cansamos,
E defuntado o magosto
C’as meniñas rebuldamos.
Jesús Pareja: Chegou o magosto:
Do mesmo xeito, o escritor berciano Antonio Fernández Morales dedicoulle os seus versos ao magosto:
En bon amor e compaña
co mosto e castañas, presto
se papan toda a merenda
i alegres tornan pra o pueblo.
A xente de máis posibles
ou Señoritos, o mesmo
van ós campos de jolgorio
dos magostos co pretesto.
Cargaos levan os fámulos
ca merenda nunhos cestos
composta de an
guilas, truitas,
polos, pampalliños tiernos,
e sobre todo empanadas
con salmón ou lomo dentro.
13 Lúas: Canción do magosto:
O Rap do Magosto:
Non son estes tempos de romarías, festas e celebracións populares conxuntas, pero pasará a pandemia e volveremos celebrar o magosto como sempre se fixo. As boas tradicións deben e han pervivir e o magosto é unha delas. Tronzaremos os valos coma Sés:
Bailaremos a Rumboia que nos ensinou A Quella:
Queremos unha cultura nosa, galega e crítica como canta Nao:
A pesar de todo, é tempo de magosto. Celebrémolo.