Desde o punto de vista lingüístico, as catro estacións que forman o ciclo do ano –de tres meses de duración cada unha– teñen no galego estándar unha denominación cada unha delas: primavera, verán, outono e inverno. Con todo, a nivel popular a cuestión é máis complexa, sobre todo, no tocante ao outono. Falariamos, realmente, de verán, inverno e as primaveras. Como diciamos, o outono é, sen dúbida, a máis indefinida de todas as estacións. Deste xeito, aparecen as denominacións de “primavera de outono” e “verán de San Martiño“. Despois da seca do verán, os campos volven reverdecer polo mes de setembro coas primeiras chuvias, e as temperaturas aínda non son moi frías, de aí o de “primavera de outono”, para distinguila da “primavera de verán”. A principios de novembro, arredor do San Martiño, acostuma haber uns días de sol e agradable calor, que popularmente se denomina “verán de San Martiño“.
Deixando a un lado as cuestións lingüísticas, o que está claro é que hai uns labores e uns produtos que todos asociamos coa época do outono: a recollida do millo, a vendima, as castañas, as noces, os cogomelos… Nas árbores de folla caduca, estas van cambiando de cor: da verde van pasando a distintos tipos de ocres, para, finalmente, terminar caendo. A paisaxe de moitas zonas de Galiza –pensemos no Courel, Valdeorras ou zonas con viñas e soutos– adquire no outono unha beleza especial.
As nosas letras non son alleas a esta época do ano. Brevemente, citamos algúns textos da nosa literatura onde, dalgún modo, se canta o outono.
Falabamos das uvas e das castañas –da vendima e a castañeira–, ademais de dar título a un libro de contos de Otero Pedrayo –Entre a vendima e a castañeira–, non podía ser alleo a esta temática o escritor valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. Terra de viño e castañas, Valdeorras inspirou a Florencio o seu himno ao viño, porque este é:
Nemigo das tristuras
e pai das risas,
amolece os traballos
da nosa vida;
fai falar aos calados,
nobre ao cativo;
se hai medo, da carraxe,
fogo, si hai frío.
El escorrenta os demos;
el quita o mal de ollo;
e faille a figa as meigas;
el resucita os mortos;
el da forzas
pra camiñar polo mundo;
onde el rixa
non hai choros nin luitos.
Tanto é así, que o autor valdeorrés celebra o casoiro entre “don godello e dona mencía”:
Casou don Godello
con dona Mencía
e van pola casa
polo val das viñas.
Tamén Florencio Delgado Gurriarán lle canta aos soutos, castiñeiros, ourizos e castañas. No seu Romanzo do cabaleiro Ourizo di del:
mais, inda que o seu carácter
figure ser aspro e fero
anda a gardar un tesouro
de nobreza, aló no peito.
Para finalizar co autor valdeorrés e a temática do outono, non podemos esquecer o seu “Romanzo da dona Outonía“. O vento do norte e do inverno veu namorar a dona outonía e polo camiño:
Moita mortandá de verdes
foi, ao camiñar, facendo
na cativa grei das herbas,
na outra grei dos arboredos,
desfollóu rosas doncelas
e murchóu froitos bermellos.
Ana María Fernández, no poemario infantil Ondas de verde e azul, escríbelle ao outono:
Vén onda nós o outono
dacabalo do aire
nos camiños da fraga
os ourizos xa abren.
A autora ourensá Pura Vázquez, en Oriolos neneiros, nun poema dedicado ás uvas, fala de que:
Os ananos do outono
pintan as uvas.
Os rapaces asexan
as máis maduras.
Tamén os gorrións
revoan entre as cepas
de dous en dous.
Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes, en Dona e don:
Don carballo chora landras
na amencida.
E don Outono baballa
néboa fría.
Don Labrego, de sombreiro,
aplaude a don Castiñeiro
con variña de abelaira.
E don Ourizo da chaira,
como non se ten coa risa,
cáenlle dentes de castaña.
As catro estacións de Antonio García Teijeiro recollen un poema que fala das follas caídas no chan:
Unha alfombra
cobre o chan,
tapiz de follas caídas
folliñas
que veñen e van.
Pero hai outros outonos. En Seitura, de Fermín Bouza-Brey, hai unha lectura outonal:
Na brétema se arrandea
meu corazón esquecido,
mentres o orvallo destece
os contornos fuxitivos.
O médico-escritor lucense Luís Pimentel, en Sombra do aire na herba, dedícalle tamén un poema ao outono:
Outono , alto outono:
destilado licor.
Ela espida, limpa,
nun sutuoso cadro,
(luminoso marfín)
Quixera ser ámbar
a folla.
Se batese o rio
sonaria a puro ouro.
Outono, alto outono.
Nada vibra
nin se derruba;
nada hai hostil na terra.
Almíbar transparente.
Sero, terso ceo.
Non percureis agora
o misterio.
Para finalizar este percorrido por textos relacionados, dalgunha maneira, co outono, recordamos o poema titulado “Folla de outono“, do libro Vieiro de señardade, de Tomás Barros Pardo. Nel, a voz poética agarda –ao igual ca folla de outono cae ao chan– voltar á terra tras a morte:
Cair ao fin do ceo
de esperanzas e soños
aceptando ista morte
coma un aceno máis
do minsterio da vida.
Poderiamos seguir poñendo exemplos de textos das nosas escritoras e escritores que teñen o outono como fonte de inspiración, do mesmo xeito que serviu tamén de inspiración a pintores e músicos. Esa época do ano, como diciamos ao principio, algo indefinida, pero que, á hora da verdade todos podemos concretar, ben sexa na paisaxe ou en produtos da época, nos que Galiza é tan rica.
[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]
O cantautor valdeorrés, Anxo Rei, ponlle música ao poema “Casoiro”, de Florencio Delgado Gurriarán, onde casa a “don Godello con dona Mencía”:
Máis sobre o viño:
A Roda: Cantigas do viño:
Saraibas: O viño:
Se hai unha obra coñecida e recoñecida sobre o outono é a creación de Vivaldi titulada precisamente así, O outono: