Tes en cambio orfos e orfas
E campos de soledad,
E nais que non teñen fillos
E fillos que non tên pais.
E tês corazons que sufren
Longas ausencias mortás,
Viudas de vivos e mortos
Que ninguen consolará.
(Rosalía de Castro)
S.O.S.
Todos presentiamos que a noite
preparaba algún sofisma
E o faro extraviado
daba o S–O–S
no morse
–clave Orion–
das estrelas
(Manuel Antonio. De catro a catro)
Conta o patrón nun corro a treboada
do ano setenta –historia de afogados–
e empuxándose, inando, entran mollados os homes dunha “lancha de enviada”.
(Ramón Cabanillas. No desterro)
O mariñeiro, escravo do mar, é o gladiador
de hoxe, pelexa en circos de argazo, anfiteatros
son os acantilados e o César é Neptuno.
O seu combate é sempre desigual contra a morte
por máis que no seu peito lle medre unha man branca.
(Miro Villar. Mar de rostros. Gameleiros )
SONETO MARIÑEIRO
Adoecen os días nas noites de penumbra
reflexando os teus berros de loitador errante.
Agardando a victoria, desafiando a loita
ficando na batalla ante o fervor do pobo.
Adoecen as noites nos penumbrosos días
esgotándose o tempo na loita aletargada.
Levas no sufrimento a espada da coraxe
a mesma, a mesma espada que enfunda os nosos cintos.
Levas tamén as bágoas, o medo dos nosos medos.
Coidas o noso alento das aves asasinas.
Andas por entre os cómaros, como quen agarda
lecer. Como quen confía. Como quen andando
debuxa palabras no ar; verbas libertadoras
epitafios e utopías, pero sempre erguido.
(Modesto Fraga. Mar de ausencias)
O “Rifante” tiña fe na súa fada. Unha vez enfermouse e fixo de patrón o fillo máis vello. En canto volveu do mar, o fillo achegouse ó leito do pai e tatexando de medo contoulle que o aparello quedara trabado nunhas pedras. O “Rifante” dixo simplesmente: “Non teñas medo, Ramón; o mar levouno, o mar dará para outro”. E despois calou e virouse cara á parede.
¡Que confianza tiña o “Rifante” no mar!
(Castelao. “O Rifante”, de Cousas)
Saint–Pierre–et–Miquelon son dúas illas pequenas de soberanía francesa no sur de Terranova. Nos anos setenta en Saint–Pierre falábase tanto galego como francés. O porto tiña uns dous mil habitantes autóctonos e outro tanto de mariñeiros desta costa.
…………………………………………………
As crónicas antigas faltan de veleiros vascos, galegos e portugueses en Terranova dende o século XVI.
…………………………………………………
En Terranova xea todo, ata os mexos, ata as bágoas. No mar boa parte do traballo era simplemente retirar o xeo que se formaba na cuberta.
(Xurxo Souto. Contos da Coruña)
Cabeleira de chúvia, ollos de néboa.
Maria Siléncio, esfarrapada, à espreita.
Sempre agardando, pola noite, as barcas. A tua angúria fala con olladas.
(Carvalho Calero. Pretérito imperfecto)
Traio un navío nas veas
Eu nacín pra mariñar;
Quen tente porme cadeas
Háme primeiro matar!
Vale máis ser libre un día
No confín do bravo mar,
Que vivir toda a vida,
Preso, escravo e a calar!
(Fuxan os Ventos)
2 Respostas
Impresionante o mar, impresionantes os homes que o traballan. Galegos navegando dende os principios dos tempos…!
Que maravilla de mar