A escasos dous meses do seu falecemento, o ditador Francisco Franco asinaba as últimas penas de morte do franquismo para tres membros da Fronte Revolucionaria Antifascista e Patriótica (FRAP) e dous militantes de ETA político-militar. A mañá do sábado 27 de setembro de 1975 eran fusilados en Hoyo de Manzanares (Madrid) os membros da FRAP, José Humberto Baena Alonso, de 24 anos; Ramón García Sanz, de 27 anos, e José Luís Sánchez-Bravo Solla, de 22 anos. Os militantes de ETA político-militar, Ángel Otaegui Echevarría, de 33 anos, e Juan Paredes Manot, de 21 anos, foron fusilados en Burgos e Barcelona, respectivamente.
Polos distintos Consellos de Guerra celebrados en Burgos, Madrid e Barcelona –entre agosto e setembro dese 1975– foron once as condenas a morte ditadas, pero o Consello de Ministros –do Goberno de Arias Navarro– de 26 de setembro indultou a seis, conmutando as súas penas polas de reclusión. Os outros cinco condenados, como xa dixemos, foron fusilados na mañá do día seguinte. A prensa do réxime sinalaba a xenerosidade e a clemencia do Goberno polos seis indultos. Pero a conmoción e a reacción nacional e internacional foron grandes.
Antes dos fusilamentos, houbo varios intentos de parar as execucións. Avogados de Barcelona fixeron xestións co Vaticano e o papa Paulo VI mandou unha carta solicitando clemencia. O primeiro ministro sueco Olof Palme saíu á rúa protestar. Mesmo o irmán de Franco, Nicolás, escribiu para que reconsiderase a decisión. A nai de Otaegui visitou varias autoridades da Igrexa. De nada valeu todo isto. Tras uns xuízos rápidos e con denuncias de irregularidades, as cinco condenas a morte seguiron adiante.
As reaccións de protesta non se fixeron esperar. En Euskadi, os sindicatos ilegais convocan unha folga xeral. Tamén noutras cidades españolas houbo paros e protestas. O presidente de México, Luís Echeverría, pediu a expulsión de España da ONU. Varios países occidentais chamaron a consulta os seus embaixadores en España. Algunhas embaixadas españolas foron asaltadas polos manifestantes que protestaban. Concretamente, a de Lisboa foi arrasada sen que o goberno portugués o impedise. Tamén a OTAN aprobou unha moción de protesta polas execucións.
A resposta do goberno de Arias Navarro ás protestas nacionais e internacionais foi a convocatoria dunha concentración de adhesión na madrileña Praza de Oriente o día 1 de outubro. Nela aparece o ditador Franco acompañado do príncipe de España, Xoán Carlos de Borbón. Sería a última aparición pública do ditador.
A do vinte e seis para o vinte e sete de setembro de 1975 foi unha longa noite de pedra para os cinco condenados e as súas familias. O réxime totalitario seguía facendo das súas.
[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]
Imaxes da concentración de adhesión ao réxime do día 1 de outubro de 1975, na Praza de Oriente de Madrid:
[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]
A canción, Al alba, de Luís Eduardo Aute sempre se relaciona cos fusilamentos de setembro de 1975: