Un futuro feliz?

Un futuro felizO futuro. Un mundo feliz? Era o título da palestra que Antonio Brea Ramos –licenciado en Historia e diplomado en Dirección Cinematográfica– ofrecía na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, dentro do ciclo Pensando o futuro.

Presentado por Carmela Galego –que afirmou que Antonio Brea estaba alí para formular preguntas axeitadas–, o conferenciante comezou dicindo que o historiador só pode predicir o pasado, que nin o futuro nin o pasado existen: só o presente permanente e facendo un pequeno percorrido por algunhas profecías que demostraron ser equivocadas coma as de H.G. Wells ou Francis Fukuyama, quen nos anos 90 predixo o fin da historia.

Un futuro felizO fin da historia sen conflitos sería o inferno na terra, xa que non se trata de eliminar os conflitos, senón que o que importa é o xeito de resolvelos.

 Para Antonio Brea, na chamada cuarta revolución industrial o salto tecnolóxico é abraiante. A análise dunha serie de novas que poden parecer sorprendentes guiou e  motivou a charla: o enxeñeiro que asegurou que a intelixencia artificial tiña conciencia, webs que usan a intelixencia artificial para crear rostros de persoas que non son reais, o director do Laboratorio de Robótica Intelixente da Universidade xaponesa de Osaka –Hiroshi Ishiguro– que creou un dobre seu, estudantes que utilizan a intelixencia artificial para crear textos semellantes aos humanos e así facer trampas na clase xa que os profesores non as detectan, o robot Sophie que está dispoñible para impartir conferencias ou a cidade lineal intelixente –The Line– proposta por Arabia Saudita.

Un futuro felizA realidade semella imitar a ficción en moitas ocasións, afirmou Antonio Brea.

A charla continuou cunha reflexión a partir do libro “A pantalla profética” que contempla o elemento preditivo presente nas obras de ficción, para proseguir facendo unha comparación entre dúas das obras distópicas por excelencia: 1984 e Un mundo feliz. Mentres que Orwell estaba preocupado porque as clases dominantes puidesen privar de información ao resto da poboación, Huxley temía que o estado de sobreinformación fixera que a poboación caese na pasividade. Para Brea, o aumento da información non contribúe ao progreso da humanidade, senón ao seu control.

Un futuro felizEstamos vendo a consagración da mentira en todos os ámbitos. Movémonos entre o silencio e a mentira. Bermejo Barrera –a quen citaba Antonio Brea– fala de fascismo cognitivo: un sistema global de goberno que sen aparente violencia conculca os dereitos das persoas controlando os mercados, creando e poñendo en marcha a información e o coñecemento. Estamos asistindo desde hai tempo á creación dunha neolingua. Hai un empobrecemento da linguaxe –xa abundan máis as emoticonas– e sen palabras non podemos pensar os conceptos.

Un futuro felizAntonio Brea citou o documental Corporacións: institucións ou psicópatas para soster que vivimos nunha corporatocracia: as corporacións dominan as nosas vidas, e responden a perfís psicopáticos: menten, rouban e matan en favor dos beneficios. Entre os negocios máis lucrativos están as drogas ou o armamento. Non pode haber paz no mundo porque hai intereses moi grandes polo medio. Mais a guerra é unha estafa: a única en que os beneficios se contan en cartos e as perdas en vidas humanas, como dixo hai case 100 anos Smedley Butler.

Un futuro felizAntonio Brea continuou cunha sucinta descrición dun mundo somerxido no metaverso a partir do filme Ready Player One, de Steven Spielberg, e quixo rematar a súa palestra na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda –a segunda dentro do ciclo Pensando o futuro– dunha maneira máis optimista: a distopía está aí, pero está nas mans da humanidade que finalmente non cristalice.

Unha resposta

  1. Interesantísima palestra. Mágoa que non puiden asistir, pero fixéchedes unha boa reportaxe dela. Parabéns…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies