Por substantivo maio podemos entender o nome do quinto mes do ano; unha construción de madeira totalmente cuberta de follas, flores e outros adornos; unha copla que se canta por esta época; en plural –os maios–, tamén pode ser a festa popular que se celebra ao comezar o mes.
Coas orixes nas antigas civilizacións prerromanas –como a celta–, en palabras de Vicente Risco:
A Festa dos maios é a festa da primaveira, ben sexa da súa chegada, ben do seu trunfo. Siñifica o reverdecer das prantas, o comezo do ano agrícola, a ledicia de ver erguerse o sol por riba do hourizonte e coller altura e forza.
Se na nosa literatura hai un texto –neste caso un poema– que se nos veña rapidamente á mente ao falar dos maios, ese é o poema O maio –de Aires da miña terra (1880)–, de Manuel Curros Enríquez:
Aí vén o maio
de frores cuberto …
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.
Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno! …
Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero …
Queredes castañas
dos meus castiñeiros? …
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.
No poema de Curros, hai unha denuncia da situación de pobreza na que vive o pobo galego, non porque Galiza sexa pobre, senón porque hai uns “donos” que están explotando o pobo: os impostos, os préstamos, as segas –a Castela–, preitos, portas –impostos para vender os produtos nos mercados–, quintas –servizo militar–, foros –ter que pagar por traballar as terras das que non eran donos–, cregos –a igrexa si era rica e dona de terras– opresores. Na festa dos maios cantábanse – e cántanse– coplas, moitas veces de ton crítico. Os nenos do poema de Curros están pobres e só piden comida –crocas, castañas secas– por cantar as coplas, pero nesa casa non hai nada con que agasallalos por iso lles din que pasen “calados e quedos”.
Maio é un bo mes para a reivindicación. Comeza –1° MAIO– coa celebración do Día Internacional da Clase Obreira. Nestes tempos de pandemia, que non teña o pobo –coma no poema de Curros– que pagar as consecuencias. Por iso as organizacións sindicais piden unha saída galega xusta fronte á crise.
Outra celebración importante para a nosa cultura ten lugar o 17 de maio. Conmemoramos a publicación de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, que tivo lugar en 1863. Para tal conmemoración, a Real Academia Galega instituíu o Día das Letras Galegas. Cada ano homenaxéase a unha figura da nosa literatura que leve máis de dez anos falecida. Por estas datas –non esquezamos que a literatura traballa coa lingua, e a nosa é a galega– tamén é un bo momento para recordar que temos un idioma en perigo. Se o pobo no poema de Curros estaba pobre, no poema de Celso Emilio, o galego é “a lingua proletaria do meu pobo”. Bo momento para reivindicar a saúde da nosa lingua porque, como escribía Manuel María:
O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.
……………………….
Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!
A Plataforma Queremos Galego sinala:
Queremos vivir en galego con toda liberdade, con total normalidade, sen límites, sen coaccións e sen exclusións.
O 17 de maio na Praza do Obradoiro, en Compostela, haberá un acto reivindicativo da Plataforma Queremos Galego. Demandaremos as mil primaveras das que falaba Cunqueiro para o noso idioma e pediremos que nos canten un maio sen coaccións nin exclusións, onde o pobo galego poida vivir en galego.
Plataforma Queremos vivir en galego!