Unha morte, un enterro, unha rúa… e unha pregunta

 Unha morte: a de Rosalía de Castro

Rosalía morría –aos 48 anos de idade– na casa da Matanza, en Padrón, o día 15 de xullo de 1885. Ao día seguinte, 16 de xullo, era soterrada no cemiterio da Adina –en Iría Flavia– e o 26 de maio de 1891 os seu restos eran sepultados definitivamente en San Domingos de Bonaval, en Santiago.

Sepultura de Rosalía

Non se pode dicir que a prensa da época permanecese allea á noticia. Valoraba –podemos dicir– axeitadamente a perda para as nosas letras e para Galiza. Así, a Gaceta de Galicia –citando El Libredón– publicaba o 16 de xullo de 1885:

La inspirada y popular cantora de nuestra patria, el reiseñor gallego, el númen de nuestra poesía regional, se halla desde ayer agonizando.

Texto xornal

Acababa o texto dicindo:

Nuestro duelo es profundo, porque al perder un genio como el de Rosalía Castro, Galicia pierde una de sus glorias más legítimas.

Hoy vertemos una lágrima de fuego sobre su cuerpo agonizante.

¡Mañana quizás lloremos amargamente sobre su cadáver!

Texto xornalO día 17 de xullo La Voz de Galicia publica na primeira e segunda páxina un adianto do libro de Murguía, Los Precursores, concretamente o capítulo dedicado a Rosalía:

Cada uno escogió su puesto, y nuestra escritora, como mujer gala seguía a los suyos al combate, se colocó resueltamente en las primeras filas.

Como medio más eficaz de volver a la vida a un pueblo que a fuerza de desgracias apenas si tenía conciencia de sí mismo…para que cuanto nos pertenece tomase cuerpo y fuese visible a los ojos de los demás.

Texto xornal

O poeta querido da época –Curros Enríquez– dedicoulle tras a morte, o coñecido poema a Rosalía:

Do mar pola orela

mireina pasar,

na frente unha estrela,

no bico un cantar.

 

E vina tan sola

na noite sin fin,

¡que inda recei pola probe da tola

eu, que non teño quen rece por min!

 

A musa dos pobos

que vin pasar eu,

comesta dos lobos,

comesta se veu…

 

Os ósos son dela

que vades gardar.

¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!

¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

A admiración de Curros por Rosalía lévao a que o día 23 de setembro de 1904, con motivo da viaxe momentánea a Galiza –estaba emigrado en Cuba–, volva homenaxear a Rosalía. Esta vez será lendo na súa tumba o poema titulado precisamente así: Na tumba de Rosalía.

Un enterro: o de Curros Enríquez

Transcribimos da Real Academia Galega:

O 7 de marzo de 1908 falecía na Habana Manuel Curros Enríquez. Os seus restos mortais, transportados á Coruña o 31 do mesmo mes para o seu enterro, foron acompañados ata o cemiterio de San Amaro por unha multitude de máis de corenta mil persoas no que foi, probablemente, o maior cortexo fúnebre na historia de Galicia.

Se a poboación da Coruña en 1.908 era menos de 50.000 habitantes e se no enterro houbo máis de 40.000, ou ben non quedou ninguén na casa ou veu moita xente de fóra. Dificilmente haxa hoxe quen reúna tanta xente no seu funeral. A multitude que se ve nas fotos ao paso do cortexo fúnebre pola rúa Rego de Auga, camiño de María Pita, falan ben ás claras do querido que era o poeta de Celanova.

Monumento a CurrosEnterrado no cemiterio de Santo Amaro da Coruña, anos antes da súa morte Curros recibiu unha homenaxe no hoxe Teatro Rosalía de Castro. O mesmo Curros se preguntaba:

 

¿Que fixen eu, ¡voto a min!

Pra merecer estes laudos,

pra que me tratés millor

que si fora o deputado?

O monumento que a cidade ten ao poeta nos céntricos Xardíns de Méndez Núñez tampouco pasa desapercibido.

Unha rúa: Manuel Murguía

Placa da rúa Manuel MurguíaA Rúa Manuel Murguía da Coruña ten o inicio no Paseo de Ronda/Avenida de Bos Aires e finaliza na Ronda de Outeiro. O seu nome xa vén dun acordo do 31 de xaneiro de 1924.

Rúa Manuel Murguía

Rúa Manuel Murguía

Ao cabo do ano, miles e miles de persoas transitan por parte dos 0,7 km. desta rúa, entre outras cousas, para ir ao fútbol.

Manuel Murguía faleceu na Coruña en 1923. Pronto tivo unha rúa co seu nome na cidade e das concorridas e transitadas.

Estudoso e preocupado pola nosa cultura –pola nosa literatura e pola nosa historia–, Murguía tivo un papel clave no Rexurdimento, en todos os aspectos deste. Tamén na creación da Real Academia Galega. En palabras desta institución:

Os longos anos da presidencia de Murguía, entre 1905 e 1923, caracterizáronse pola súa intensa actividade e polo forte prestixio e repercusión social acadado por esta institución.

Rúa Manuel Murguía

Os milleiros e milleiros de persoas que que cada ano poden ler a placa co nome de Manuel Murguía poden estar orgullosos do que este fixo pola nosa terra.

Unha pregunta

Se a Rosalía, Curros e Murguía lles dedicamos –porque as merecen– tantas e tan grandes homenaxes, por que nos custa tanto seguir as súas ideas e o que eles desexaban para a nosa terra?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies