Urbano Lugrís: 50 anos despois

Lugrís

Fillo de Manuel Lugrís Freire –un dos fundadores da Real Academia Galega– e da pianista Purificación González, Urbano Lugrís González –tamén coñecido como Ulises Fingal– naceu na Coruña en 1908 e faleceu en Vigo en 1973. O 23 de decembro deste 2023 cúmprense cincuenta anos do falecemento do grande pintor coruñés. Unha boa data para reivindicalo.

En 1930, Urbano Lugrís trasládase a Madrid –tras abandonar os estudos de perito mercantil, na Coruña– e alí incorpórase ás Misións Pedagóxicas. Con elas –da man de Rafael Dieste– percorre varias cidades facendo os deseños dos figuríns e decorados para o teatro La Barraca. É por entón cando coñece a Lorca e Alberti.

Xa na Coruña, con Mariano Tudela e José María de Labra, funda en 1954 a revista Atlántida. Nela, Lugrís escribe artigos, poemas e tamén realiza numerosas ilustracións. Será nesa época cando realice múltiples traballos de encargos privados que deixaron unha fonda pegada na cidade.

Tras a morte da súa esposa –Paula Vadillo–, en 1965 trasládase a Vigo, onde falece o día 23 de decembro de 1973.

Comisariada por Rosario Sarmiento e Antón Patiño, en 1997 realízase a maior exposición dedicada a Lugrís que ten lugar no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela e no Circo de Belas Artes de Madrid.

Antón Patiño pública en Ediciós do Castro, en 2007, o libro Urbano Lugrís. Viaje al corazón del Océano. Nel analiza a obra pictórica –debuxos, murais– e literaria –poemas, relatos– de Lugrís.

Valorada tardiamente, nos museos de Galiza hai bos exemplos da obra do pintor coruñés. A crítica sinala que Urbano Lugrís tiña un enorme poder creativo e unha fascinante personalidade. Posuidor dun mundo estético propio, tras a Guerra Civil, comeza a pintar murais. Para moitos, Lugrís é o surrealista galego por excelencia. Os entendidos falan –referíndose á súa pintura– de exactitude da súa liña e de fantasía do seu mundo plástico. Gustaba dos mundos somerxidos, da fauna mariña de zooloxía fantástica, dos seres míticos e dos trebellos do antigo mariño: mapas, sextantes, compases…buguinas, nereidas e leviatáns.

Mural de Lugrís

Biografía de Urbano Lugrís. Obra Social Abanca

Cada ano, colectivos como In Nave Civitas reivindican a figura de Urbano Lugrís así como a protección dos murais que creou para distintos locais de hostalaría da Coruña.

Cando se van cumprir cincuenta anos do falecemento de Urbano Lugrís, seguimos reivindicando a súa figura e a protección da súa obra. REIVINDICAMOS O ACCESO Á BELEZA.

Cadro de Lugrís

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies