25 de novembro: Voces contra a violencia machista

 

Xa sabemos que non é suficiente con preocuparse un día ao ano –cando toca a celebración–, senón todos os días e cada segundo de cada día do ano. Con todo, non queriamos deixar pasar a data sen traer aquí algúns dos textos –dos moitos que xa vai habendo– sobre a violencia contra as mulleres.

Resulta salientable que cando –a mediados do S. XIX– se produce o rexurdimento das nosas letras sexa unha muller –Rosalía de Castro– a que encabece a recuperación da nosa literatura. En palabras de Marta Dacosta (“As escritoras galegas á procura dun espazo propio”):

Casualidade ou non, este é un feito determinante para a nosa literatura, a recuperación das nosas letras da man dunha voz feminina, algo que nos envexan desde outras latitudes, pois supón que o xénero feminino, moi consciente en Rosalía, lle pertence ás nosas letras desde o século XIX, algo ao que noutras literaturas se chegaría andando o XX.

Xa nos primeiros versos de Follas novas (1880), Rosalía loita contra os estereotipos:

D’aquelas que cantan as pombas y as frores

Todos din que teñen alma de muller,

Pois eu que n’as canto, Virxe d’a Paloma,

¡Ay! ¿de que’ a terei?

Rosalía ponlle voz á incomprensión:

Ladraban contra min que camiñaba

Casi–que sin alento,

Sin poder c’o meu fondo pensamento

Y á pezoña mortal qu’en min levaba.

Y á xente que topaba

Ollandome á mantenta

D’o meu dor sin igual y á miña afrenta

Traidora se mofaba.

Y eso que nada mais qu’á adiviñaba.

Si á souperan ¡Dios mio!

Pensei tembrando, contra min volvera

A corrente d’o rio.

Rosalía foi no seu tempo incómoda e transgresora e as súas palabras tamén hoxe o serían (“A xustiza pola man”):

Aquês que tên fama d’honrados n’a vila

Roubaronme tanta brancura qu’eu tiña,

Botáronme estrume n’as galas d’un dia,

A roupa de cote puñeronma en tiras.

Nin pedra deixaron, en dond’eu vivira;

Sin lar, sin abrigo, morey n’as curtiñas,

Ô raso c’as lebres dormin n’as campías;

Meus fillos… ¡meus anxos!… que tant’eu queria

¡Morreron, morreron, c’a fame que tiñan!

Quedey deshonrada, mucharonm’a vida,

Fieronm’un leito de toxos e silvas,

Y–en tanto os raposos de sangre maldita,

Tranquilos n’un leito de rosas dormian.

Manifestación contra violencia machista

A violencia machista que cada día sofren moitas mulleres vai tendo –pouco a pouco– contestación e de distintas maneiras. Na actualidade xa hai moitas voces denunciando esta violencia. A continuación seleccionamos algúns textos dalgunhas autoras –poderían ser máis e mesmo outros textos e outras autoras, pero estenderiámonos moito– relacionados coa violencia contra a muller.

Marta Dacosta:

Non é amor

Por que, nos contos que gardabas, eu era a devorada,

por que, na imaxe do amor puro, a moza estaba morta,

por que, no mito que teceches, urdiches o abandono,

por que, no afán de posuírme, cegaches os meus ollos.

Mírame agora que son silencio, eternidade,

mira o meu corpo branco, case azul na quietude,

son Ofelia de novo aboiando nas augas,

arrastrada na historia dun mundo á túa imaxe.

Ofelia case azul, xa para sempre muda,

inmóbil perfección de obxecto posuído.

Ergue a man, Ofelia, esa man que aínda leva

o sangue, a pel, a proba do delirio covarde.

Como se pode amar o camiño da morte,

como se pode amar o silencio do medo.

Que non, non é amor ese velo de sombra,

non, non é amor a negación do soño,

non, non é amor o desprezo estridente,

non, non é amor a voz que todo cala,

non pode ser amor esa ventá escura,

pois non, non é amor esa porta fechada.

Non te quero máis branca, nin azul, nin silencio,

non te quero aboiando nese río de sombra.

Érguete Ofelia, esperta e renega do conto,

non cegues os teus ollos, que o corpo che pertence,

renega dese mito que mata as túas entrañas,

renega do amor puro que te viste de morte.

__________

Ósos de muller,

ósos que encolleron na humidade do inverno,

de todos os invernos

que anegaron o século.

Ósos de muller,

ósos ou cristal que non resiste os días

e se crava na carne

recordando a dor de cada parto,

de cada océano de sangue

que o corpo vomitou.

Ósos de muller

que esmorecen co inverno das mil chuvias

e volven á terra que pisamos,

á eternidade do silencio e á verdade,

á detención do sufrimento.

María Reimóndez:

Puja polas mulleres mortas

 

No voso nome

acendo a mada de incenso

e poño as flores

unha por unha

nas vosos fotos murchas

ás que lles arrincaron

a cara e o rostro

Xunto as mans

e repito o mantra

dos vosos nomes.

Nin en mil anos remataria

Por iso aquí sigo

falando a lingua

que se cadra

ninguén escoita.

Mercedes Queixas–Xoán Carlos Domínguez:

É

este

o tempo

dos sucos novos.

 

Espertemos

de sonos de antano

en barola amolecidos

e gocemos

plenamente

das estreliñas

mareiras

de cinco puntas

violetas

que penduran

na rede

dos nosos soños.

 

Quero ser violeta.

Quero ser violeta.

 

Repite comigo.

 

Porque non podo

vivir en déficit

comigo mesma.

Manifestación contra violencia machista

Yolanda Castaño:

Cando deixo de ser flor,

molesto.

 

Pero o duro era ser, o

 infatigablemente aciago.

 

Que eu contraese algunha seria doenza

favorecería grandemente a miña obra literaria.

 

Como non teña traballo, marcho para Las Vegas.

Nos Estados Unidos son máis guapa que en ningún sitio.

 

Pero teño sido agre e pretenciosa,

teño sorrido por interese propia,

a axetreada capitalista sexy;

compensei polos meus días de impotencia.

Ser

é o difícil.

Cando falei só contemplaron os meus labios.

 

¿Se me tomo un descanso iso

faráme irresponsable?

se son vulnerable

serei pisoteada?

¿se me fosen peor as cousas

quereríadesme máis?

 

Unha profusa navalla é o proxecto da identidade,

un reiseñor mecánico a tarde.

Tanto souvenir acabará con Notre Dame

¿Onde estabas cando te necesitei?

Lupe Gómez:

Antes dicíanme

que colocase ben

unha perna sobre a outra.

Que fose feminina.

E eu nin sequera sabía

onde tiña as pernas.

María Xosé Queizán:

A amante nunca ten dentes postizos

graus no nariz

pelos nas coxas

gorduras nos cadrís.

A amante nunca lle inchan os ollos ao durmir.

O poeta ama a perfección

non te ama a ti.

Es idealización

mito

metáfora da metáfora.

De non seres perfecta como te amarían?

 

__________

 

 O Ensino é o principal axente de transformación dunha sociedade. Os grandes logros da sociedade actual, os que condicionan en primeiro lugar a modernización e a democracia do país, son a Sanidade pública e o Ensino público…No relativo ás mulleres supuxo un cambio espectacular. Nunha xeración pasaron dunha presencia escasa nas Universidades a seren a maioría e obteren as mellores cualificacións. Son o exemplo máis evidente de que o Ensino público pode facer evolucionar unha sociedade e tamén de que temos que defendelo e empeñarnos en melloralo.

Marica Campo:

Lapidadas

 

Como ovellas que van ao matadeiro camiñades a serdes lapidadas

en reas, silenciosas e humilladas,

baixo a mirada atenta do carneiro.

 

Que o voso sangue sexa o derradeiro

a mollar esas terras magoadas

polo integrismo cruel, polas brigadas dunha fe que vos nega todo abeiro.

 

Maldita sexa a man que tira a pedra! Maldito na semente e no futuro

o nome dos que erguen ese muro

 

sobre peitos que alentan! Sexa a hedra nai piadosa a cubrilas, nai que medra a reclamar a vida en berro puro!

Debuxo de Castelao

Laura Rey Pasandín:

Conta a mamá que o parto foi horrible, todo o horrible que vos poida parecer, parir sendo aínda nena, non desexando ser mamá, cando che inculcaron a lume vivo o noxo ao teu corpo, a repugnancia á túa vulva, o sucio do sexo, e o máis absoluto desinterese ao home que cho practica. Que por certo, pouco lle importa que o goces ou o detestes.

……………………………………………….

 Din, que hoxe en día, as mulleres poden decidir se teren os fillos ou non. Está moi ben iso de poder decidir, pero dáme a min que cando decides que si, que queres ese fillo, veña como veña, as cousas pouco cambiaron: “ti o amasas, ti o coces”, “ti, o elixiches así”. Coma se ao tomar ti unha decisión de súpeto se che denegara o dereito a queixarte ou precisar axuda. Aínda por riba ca moda esta da autosuficiencia, que hai que demostrar que podes con todo, aínda que morras no intento. E o resto do mundo, moito falar, moito opinar. Pero a que ten que tirar do carro es ti.

Estatua de Emilia Pardo Bazán

Carlos Negro:

o bardo usa o seu puño de Ferro

o puño de ferro cargado nos bares

o puño que sempre peta na muller

(a costela edénica o repouso de Guerrero)

catorce denuncias na comisaría

catorce impresos impregnados de sangue

a policía atender amable a Muller

a policía viste uniforme de home

os homes non choran pero violan

os homes píllanas entre os pinos soas

na parede da comisaría hai un calendario azul

na bandeira da tribu tamén hai unha franxa azul

de azul as lámpadas fluorescentes para as moscas

de azul a cámara dos productos cincelados

de azul a camisa do comisario de banca

de azul a coiraza do corpo de policía

de azul as batas das internas do psiquiátrico

de azul a casaca dos pistoleros da guerra

________

os mitos adoptan posturas de tipos duros

de homes que azoutan no cu á moza da película

de homes que fan da estirpe un concepto masculino

(dura lanza porte altivo puxanza da raza)

o bardo enfúndase pantalóns negros de coiro

o bardo absorbe cubatas na barra dos bares

o bardo berra himnos patrios no salón vermello

que son os rumorosos na costa verdecente?

que sin os rumorosos na costa verdecente?

–non din nada non din nada, monada

o bardo das idades regresa tarde á casa

é dos que nunca petan coa cotenos á porta

é dos que pegan un berro e unha épica patada

(a patada etílica de estilo masculino)

Carmen Blanco:

Son a loba que habita nestas terras desde que se ergueron os homínidos coa lei da pedra. Antes era unha nena que ía ao bosque pero vin o lobo e quedei na foresta para sempre.

Loba, filla de lobas, de setenta veces sete lobas, levo na memoria todo o que viron os seus ollos e gardo no corpo o lume das olladas que nos fai medrar. Viaxei no cabalo dos líquidos e mamei dos tetos da vaca que brama no fondo da lagoa. Fascináronme as serpes. Vinas nacer dos cabelos das augas e con elas deitada no prado escoitei a gran dona vestida de pano labrado. Nas herbas. Coas rapazas todas en roda e a flor na boca. Desde aquela xa nunca puiden amar os señores que matan as cobras e apareeime cos lobos da serra.

Debuxo de Castelao

Pilar García Negro:

A especificidade da problemática das mulleres.

Obxecto preferente da ollada de Castelao, a sua sensibilidade, ou o seu humanismo, priviléxian a consideración das ataduras máis escravas das mulleres populares, das mulleres traballadoras (doloroso pleonasmo!) do campo e do mar, mais tamén das cargas especificamente adscritas á sua condición subordinada nun mundo de, para e ao servizo dos homes.

 É a criada de servir de Un ollo de vidro (1922), convertida en esquelete “tan desventurado no outro mundo como felís niste”, no mundo dos mortos, onde, por fin, descansa, despois de viver “mallada e batida”. É o recordo, neste mesmo libro, das mulleres mortas en Nebra, Oseira e Sofán nos tráxicos sucesos da represión popular de 1909. É a presenza, con voz en directo, da muller que exclama en estampa de “Cousas da vida”: “—Anque o meu home vai fora non terei voto, pero seguirei pagando todol–os trabucos”. É o diálogo entre duas mulleres, con acumulación de saber empírico: “Os homes son que fan as cousas e as mulleres pagámolas”. É a sentenza implacabelmente exacta de Cincoenta homes por dez reás (1925): “O home que se casou con Ramona para aforrar unha criada”. É o relato sobre a Marquesiña, que abre Cousas (1926), auténtico poema en prosa, como ten demostrado Carvalho Calero, detector da explotación simbiótica, laboral–sexual, no corpo da nai e no corpo da filla. É a exibición dignísima da moral da vella tan agradecida por ter unha filla valedora e que non dá lembrado o nome de quen lla fixo (¡¿u–lo “moralismo” tradicional, conservador e católico ortodoxo, que condenaria, sen máis, unha nai solteira e, por riba, satisfeita de se–lo?!). É o caso da vella asombrada, coa vida fanada por unha maternidade imposíbel (unha nena e unha vella abren e cerran, respectivamente, o painel dos cuarenta e catro relatos de Cousas). É a comprobación visual de dureza da vida de traballadoras como Sabela, do conto–homenaxe do mesmo nome, de Retrincos (1934), outrora beleza e louzania principal da vila, a raíña do baile, a mentora na danza do próprio Castelao mozo; á altura do relato, envellecida prematuramente, estragada e deformada por exceso de traballos e por falta de diñeiro. Ou é, enfin, o abano de dependéncias femininas que debuxan as protagonistas de Os vellos…, subordinadas ao matrimónio como única saída permitida e asumida, praticantes da moral imposta por regras de xogo que elas non deciden, vendedoras do seu corpo como única mercadoria “competitiva” no mercado…

Unha resposta

  1. Falamos sempre do machismo embrutecido e explotador, e esquecemonos do compasivo e invisibilizador. Perigoso machismo que matou mulleres sen culpable coas armas da infradiagnosticación, de patoloxías cardíacas, que sempre foron só “males do corazón”. Tiveches un disgusto muller, eso non é nada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies