Xabier P. DoCampo, escritor e mestre

Portal da casa de Xabier Docampo

Nesta casa – número 1 da praza José González Dopeso– da Coruña viviu o escritor e mestre Xabier P. DoCampo.

Nacín chairego e fillo de chairegos o 5 de abril de 1946 en Rábade (Lugo). Aos meus sete meses trasladámonos a Castro de Ribeiras de Lea, de alí era miña mai –meu pai de Xermar (Cospeito)–, onde fun por primeira vez á escola.

De Castro Ribeiras de Lea, cando Xabier comezaba a adolescencia, a familia enteira trasladouse a vivir á Coruña, pero sen perder nunca o contacto coa Terra Chá.

Placa no portal da casa de Xabier Docampo

 Na Coruña estuda o Bacharelato e Maxisterio:

Traballei como mestre en varios colexios e durante oito anos en Preescolar na Casa. Estiven sempre relacionado cos movementos de renovación pedagóxica.

Escola A Normal da Coruña

A Xabier preocupoulle todo o relacionado coa didáctica da lingua e a literatura:

Dei cursos a profesores e lin ponencias en congresos sobre a didáctica da lingua e a literatura, sobre a lectura e a súa implantación escolar e social, sobre a narración oral, a súa estrutura, a súa influencia na literatura escrita e a súa utilización didáctica, tanto en Galicia coma fóra.

Edificio de RTVE na Coruña

Fun actor e director de teatro. Traballei durante sete anos en Radio Nacional de España en Galicia como guionista e como director de programas de diverso tipo e formato. Tamén escribín e dirixín obras para vídeo e para televisión. Dei cursos a profesores sobre a utilización didáctica de ambos medios.

Xabier P. DoCampo foi un dos grandes renovadores da literatura infantil–xuvenil galega, tamén un dos máis traducidos. Xeracións e xeracións de nenas e nenos leron e seguen lendo as páxinas d’O misterio das badaladas (1986) ou Cando petan na porta pola noite (1994). Por esta última obtivo en 1995 o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.

Experto en bibliotecas escolares, moito aportou Xabier P. DoCampo á narración oral e ao libro galego:

Participei na creación da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) na que pertencín durante cinco anos á súa xunta directiva, dous deles como presidente.

Monumento ao libro na Coruña

Como sinala a cita na placa que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colocou na casa onde viviu Xabier na Coruña:

Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que coñezo é contar unha historia.

Xabier P. DoCampo contounos moitas historias, orais e por escrito. Historias que seguen petando na nosa porta pola noite –e polo día– para acompañarnos.

Tamén nós seguiremos petando na porta da lembranza. Xabier P. DoCampo falecía na Coruña o día 26 de xuño de 2018, pero o seu recordo e as súas “historias” seguen connosco.

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda organizamos unha homenaxe ao escritor Xabier P DoCampo o 29 de maio de 2019 no teatro Rosalía:

Para máis información, a ficha de Xabier P. DoCampo na Biblioteca Virtual Galega da UDC.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies