Xosé Neira Vilas en Cuba

Neira Vilas e Anisia MirandaA biografía de Xosé Neira Vilas non ten sentido sen a presenza de Cuba, onde viviu 31 anos. Unha Cuba revolucionaria á que el, xunto a súa inseparábel Anisia Miranda –cubana de nacemento e filla de ourensáns—achegou o seu gran de area, e unha Cuba onde non deixou de espallar a cultura galega.

Xosé Neira Vilas chegou á Arxentina en 1949. Foi alí onde coñeceu a Anisia e onde casaron. En 1958 trabaron amizade con Santiago Riera, loitador cubano contra a ditadura de Batista e exiliado en Buenos Aires. Pertencía ao M-26-7 creado por Fidel Castro que, grazas ás xestións de Neira e Anisia, chegou a ter sede no Centro Ourensán da capital arxentina. Foi Riera, xa de volta na Habana tras o triunfo da revolución, o que preparou a chegada de Neira Vilas e Anisia, a petición deles mesmos.

Chegaron o 2 de xullo de 1961 a Cuba. Nada máis chegar incorpóranse, el e Anisia, ás brigadas de alfabetización, unha iniciativa do Che Guevara que fixo baixar as taxas de analfabetismo do 60%  que había na Cuba de Batista no ano 1959 ao 2% do 22 de decembro de 1961, cando Cuba foi declarada territorio libre de analfabetismo en América.

O seu primeiro traballo foi o de responsábel do departamento de Intercambio da Empresa Automotriz cubana, adscrita ao Ministerio de Industrias, do que era titular o propio Che. Foi unha época, segundo el mesmo relata, na que tivo que poñer en marcha, xunto cos traballadores das industrias do ministerio, toda a súa inventiva e creatividade para superar as limitacións que o embargo ianqui impoñían á industria cubana.

Neira Vilas e Anisia con Fidel CastroEn 1963 mudaron as súas funcións, e pasou a planificar a modernización da frota pesqueira que faenaba no golfo de México, onde máis de setenta anos antes os pescadores eran maioritariamente galegos. Foi un período moi breve de traballo tras o cal pasou a dirixir a sección de convenios e protocolos da Dirección Xeral de Relacións Internacionais do Ministerio de Industria Básica. Foi un tempo no que Cuba ía afianzando os seus vínculos co mundo, especialmente cos países socialistas, e Neira Vilas tivo un papel importante dentro do seu ministerio nestas relacións.

En 1967, coa remodelación gobernamental, foi nomeado especialista en organismos internacionais, dependendo directamente do viceministro de Desenvolvemento Técnico do Ministerio de Industria Básica. Quince anos estivo na atención dos programas de colaboración internacional, ata 1983. Durante este tempo escribía artigos en publicacións ministeriais como Nuestra Industria ou a revista Química. Pero tamén tiraba tempo para dirixir a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística –creada por el mesmo en 1969– que tiña a súa sede a cincuenta metros do seu despacho, e para colaborar co sindicato na programación de actividades culturais.

Con todos estes traballos seguía o consello que lle dera Blanco Amor: “non profesionalices a túa vocación”. Aínda que nada máis aterrar en Cuba se lle ofreceron traballos relacionados coa literatura e o xornalismo, el optou por este outro camiño do cal, conta, non se arrepentiu porque lle serviu para coñecer Cuba, o seu pobo, e a revolución.

Pero en 1983, despois de 22 anos no sector industrial, pasou a traballar como redactor xefe na revista infantil Zunzún.

Neira Vilas xornalista

Con 55 anos, Xosé Neira Vilas retoma profesionalmente a súa traxectoria xornalística, emprendida no ano 1954 en Buenos Aires coa revista Adiante, voceiro das Mocedades Galeguistas. Porén, durante o seu período de traballo na industria cubana, non deixou de colaborar con algunhas publicacións da illa: Hoy, Revolución, La Gaceta de Cuba, Unión, Mar y Pesca, Juventud Rebelde… E con frecuencia foron temas galegos os tratados. Foi fundador da Asociación de Periodistas de Cuba.

Coa revista quincenal España Republicana, que despois de 1975 pasou a chamarse Hora de España, colaborou estreitamente, incluso coa publicación de traballos en galego, entre 1963 e 1975, pasando a ser de facto membro do consello de redacción. Grazas a este traballo tivo a oportunidade de coñecer a personaxes como Blas de Otero, Ramón Chao, Goytisolo, Celaya, Saramago, Berlanga, Raimon, Pi de la Serra, Serrat, Paco Ibáñez entre outros.

Desde 1964, na revista Bohemia, encargouse da “Tribuna de quejas”, unha sección en ton humorístico. Tamén nesta mesma liña, de humor, colaborou esporadicamente con El Sable e a súa publicación sucesora, La Chicharra. E por moitos anos escribiu no semanario humorístico Palante.

Revista ZunzúnAsí a todo, foi a revista infantil Zunzún á que se dedicou profesionalmente nos seus últimos anos, xa liberado do traballo no sector industrial. Esta revista, que aínda hoxe se segue editando, foi posta en marcha en 1980 por Anisia Miranda, a súa dona. No seu tempo foi unha das mellores publicacións infantís do mundo enteiro, cunha tirada de 250.000 exemplares mensuais. Anisia foi durante os primeiros anos a súa xefa de redacción e alma daquela revista. Cando ela, por decisión propia, quixo deixar este posto para pasar a traballar só como redactora, decidiron que Xosé Neira Vilas era o candidato axeitado para ese posto. E alí estivo ata a súa xubilación, en 1989.

En 1985 embarcouse, con Anisia, na revista Bijirita, dedicada a nenas e nenos de dous a catro anos (Zunzún estaba pensada para as idades de nove a dez anos).

Implicación coa sociedade cubana

Xa vimos que mesmo antes de chegar a Cuba, estando en Buenos Aires, tanto Neira Vilas como Anisia se comprometeron coa revolución cubana. Por iso nada máis aterrar na Habana, alistáronse nas milicias populares. Coidaban dos seus centros de traballo, ministerios, comercios, centros de ensino, hospitais… e unha vez por semana recibían formación militar. Posteriormente integráronse no corpo de defensa civil. Nestes labores pasaron os difíciles días da crise dos mísiles, en 1962. Como ben relata no seu libro Días de Cuba, “eu era, pois, miliciano, adestrado non só para salvar vidas en caso de catástrofes naturais, senón tamén para utilizar armas longas ante un eventual ataque militar. E Anisia igual”.

Outra modalidade de participación social na que se implicaron foron os traballos voluntarios establecidos polo Che. Así dedicaron esporadicamente o seu tempo a limpar rúas, pintar escolas, axudar en hortas escolares etc. E co propio Che, na época da zafra, durante os primeiros anos da revolución, ían os domingos de 8 a 12 da mañá cortar cana de azucre ou traballar na plantación de café no “cordón” da Habana.

Coa cultura galega

Instituto de Literatura e Lingüística
Instituto de Literatura e Lingüística da Habana

En todas as súas actividades, Neira Vilas sempre tivo a Galiza como prioridade. Ademais das xa comentadas colaboracións xornalísticas en galego en medios da illa e da dirección da Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, realizou diversos traballos de investigación da memoria histórica de Galiza en Cuba.

Desde a Sección Galega do ILL, conseguiu recuperar e manter moitos dos fondos bibliográficos e documentais das sociedades galegas que ían esmorecendo e que non tiñan medios para conservalos. A biblioteca do Instituto, acrecentada pola achega de libros que grazas ás súas xestións enviaron as editoriais galegas e doazóns de residentes galegos ou os seus descendentes,  pode considerarse hoxe o maior fondo galego de América.

Con Neira Vilas á súa fronte, a Sección Galega organizou de forma permanente en Cuba actividades destinadas a dar visibilidade á presenza da cultura galega na illa: exposicións, apadriñamentos (Escola Nacional de Primaria Concepción Arenal, Círculo Social Obreiro Curros Enríquez), cursos e conferencias, investigacións ou a creación da Cátedra de Cultura Galega da Universidade da Habana.

Especial referencia merece a montaxe de Os vellos non deben namorarse, a baixo a dirección de Aldo Guasch co Taller Dramático Valle-Inclán, formado por traballadores e traballadoras cubanas. Foi posta en escena no Teatro García Lorca do Centro Galego, o 14 de agosto de 1971 e posteriormente na provincia de Camagüey.

E durante os seus anos en Cuba escribiu a maior parte dos seus libros, tanto de investigación (Tempo Novo, Galegos no golfo de MéxicoCastelao en Cuba…) como de ficción (Xente no rodicio, Remuíño de sombras, A muller de ferro, Historias de emigrantes…), e tamén narrativa infantil (Espantallo amigo, O cabaliño de buxo e A Marela Taravela).

En 1992, Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda abandonan Cuba e instálanse na súa vila natal de Gres, no concello de Vila de Cruces.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies