Xosé Neira Vilas será o protagonista das Letras Galegas 2027

Este 8 de xullo de 2026 a Real Academia Galega anunciou que Xosé Neira Vilas será o protagonista do Día das Letras Galegas do vindeiro ano. A súa candidatura impúxose no pleno á tamén merecida proposta do lingüista Constantino García. Desde a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, esta elección é para nós un recoñecemento merecido a unha figura que traballou pola memoria colectiva do noso país.

Neira Vilas naceu nunha familia labrega de Gres, Vila de Cruces, no ano 1928. Con vinte e un anos emigrou á Arxentina e foi en Bos Aires onde afondou no coñecemento da súa identidade galega. Na diáspora compartiu inquedanzas con persoeiros exiliados como Eduardo Blanco Amor, Rafael Dieste ou Luís Seoane. Ese galeguismo levouno a participar na creación das Mocidades Galeguistas a comezos dos anos cincuenta e, pouco despois, xunto coa que sería a súa compañeira de vida, a escritora Anisia Miranda, impulsou a editorial Follas Novas, dedicada á publicación e distribución de textos en galego por toda América.

Memorias dun neno labrego (1961) é a obra máis traducida e reeditada da nosa literatura. Con este libro, Neira Vilas afastouse dos estereotipos folclóricos que adozaban a vida no campo para amosar a realidade da aldea e as inxustizas que padecían as clases máis humildes. A través da mirada de Balbino, moitas xeracións aprenderon a mirar o noso país sen complexos. Sobre o impacto deste personaxe, podedes ler a reflexión que preparamos na nosa web: Balbino somos todos.

Neira Vilas e Anisia Miranda

Cuba foi o seu outro fogar. Alí chegou xunto con Anisia o mesmo ano en que se publicou a súa obra máis coñecida, e no Caribe residiron durante tres décadas. Ademais de desempeñar tarefas na administración cubana, mantivo o traballo pola defensa do noso patrimonio cultural: puxo a andar a Sección Galega dentro do Instituto de Literatura e Lingüística da Habana, desde onde investigou a pegada dos nosos emigrantes no país e recuperou fondos documentais e xornalísticos relevantes. Podedes coñecer máis desta etapa no noso artigo Xosé Neira Vilas en Cuba.

Neira VilasNos anos noventa o matrimonio regresou a Gres. A súa casa converteuse na actual Fundación Xosé Neira Vilas, un punto de encontro para a cultura do país, desde onde continuaron a súa actividade cultural e o fomento da lectura entre a rapazada ata o seu pasamento en 2015. Alén do seu labor como cronista da emigración e do rural, Neira Vilas está considerado o pioneiro da literatura infantil e xuvenil galega, con libros como Espantallo amigo ou O cabaliño de buxo.

Desde a AC Alexandre Bóveda convidámosvos a celebralo abrindo as páxinas dos seus libros: a voz de Balbino, a voz de todos os “ninguén”, segue tendo moito que dicir.


Fotografía de cabeceira: Neira Vilas no IES M. G. Barros – As nosas letras

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *