Xosé Vizoso

Xosé Vizoso
Artigos anteriores

Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950 – Brión, 9 de febreiro de 2025) foi un destacado artista galego cuxa obra abarcou o deseño gráfico, a cerámica, a ilustración e o muralismo. O seu estilo, caracterizado por cores vibrantes e trazos expresivos, converteuse nun referente da cultura visual de Galicia.

En 1968 gañou o Premio Nacional de Escultura. Entre os seus labores destacan a restauración da catedral de Mondoñedo entre 1966 e 1968, a conceptualización de pezas da cerámica galega Sargadelos e numerosas portadas de libros de Edicións do Castro.

TarotDesde moi novo, Vizoso amosou unha inclinación natural polo debuxo, atopando inspiración na súa contorna e nas tradicións galegas. As súas ilustracións sempre teñen un grande imaxinario inspirado no rural, de carácter enxebre e propio da Galicia que xa foi desaparecendo. Ten feito máis de 300 cubertas tanto para Edicións do Castro como para outras editoriais dentro e fóra de Galicia. Non só ilustrou libros, senón que tamén destaca o tarot ideado por Aneiros e prologado por Díaz Pardo, para o que Vizoso creou as imaxes das cincuenta e dúas cartas da baralla, en 1992.

A súa técnica foi evolucionando co tempo dende imaxes máis abstractas e cheas de xeometrías onde se mesturan as figuras e os fondos, ata ilustracións máis espontáneas onde importa o trazo e a simplicidade do bosquexo.

Vizoso foi, xunto con Xosé Díaz, un dos principais deseñadores de Sargadelos. Os primeiros contactos foron en 1968, cando Vizoso deu cun anuncio dunha oferta de traballo publicado no xornal lugués El Progreso. Desde entón comezou a traballar para a empresa cerámica, sendo mesmo a man dereita Isaac Díaz Pardo, propietario da compañía, a quen considera o seu segundo mestre. A inauguración formal da fábrica é do 1970, o que significa que ese pequeno equipo inicial que lideraba Díaz Pardo contaba xa coa colaboración de Xosé e a súa man vai estar presente en todo tipo de producións: figuras, vaixelas, xogos de café e medallas conmemorativas.

A confianza depositada en Vizoso era recoñecida por Isaac nunha carta asinada en 1988 “…o peso deseñístico da sección de cerámica en Sargadelos gravita hoxe sobor de Xosé Vizoso. Este mindoniense ten moitas máis virtudes que as puramente artísticas. A súa admirable disciplina para concibir, proxectar e realizar formas non crearon nel ningún tipo de narcisismo, tan frecuente nestes casos, que axiña tropezan coas demais disciplinas que participan do deseño industrial…”

En 2021 rodouse un documental producido por Aser Álvarez González para Arraianos Producións sobre o papel de Vizoso en Sargadelos.

Ademais do seu labor en Sargadelos, Vizoso foi un prolífico cartelista e ilustrador. Deseñou máis de 250 carteis para eventos culturais e realizou máis de 300 ilustracións para libros, capturando a esencia das festividades e da identidade galega. A súa obra tamén incluíu murais e esculturas que enriquecen diversos espazos públicos.

Para Vizoso, dous dos artistas, entre moitos outros, dos que se inspirou e colleu relevo á hora de facer murais son posiblemente Luís Seoane e Urbano Lugrís, os muralistas máis representativos da nosa terra.

Podemos encontrar murais pintados ou elaborados a partir da clásica técnica mosaico. A súa maioría son murais vinculados á historia/cultura de Galicia ou reivindicativos e para ter sempre presentes na memoria, como o mural en homenaxe aos represaliados polo franquismo no Alto do Furriolo (Celanova, 2006), no que se aprecia un dramatismo expresionista.

Mural do Furriolo“O Mural do Furriolo é un Guernica galaico, un berro de liberdade no medio do monte para facer memoria e lembrar a barbarie”, asegurou Isaac Díaz Pardo o día da inauguración deste mural promovido polo colectivo Arraianos.

Dentro do ámbito teatral, Vizoso colaborou non só facendo medallas, premios, figuras, carteis… senón tamén elaborando escenografías, creando máscaras ou caretas, deseño de vestimenta entre outros elementos visuais que axudan á escenificación do teatro. Comezando polas súas primeiras colaboracións no 1974 coa Sociedade Cultural Ledicia de Burela e máis adiante co grupo Buril de Burela ata chegar a colaborar a través de Sargadelos co dramaturgo catalán Ricard Salvat. No 1994, Ricard Salvat estreou no Teatro Nacional de Budapest a peza Az ember tragédiája (A traxedia do home) do dramaturgo Imre Madách. Así foi que Vizoso se desprazou varias veces a Budapest para representar desde a creación do mundo ata a bomba atómica, realizando dez figuras de cinco metros, símbolos de grandes momentos ou etapas históricas, cada unha delas montadas no seu carro con estrutura de madeira. Así ían aparecendo e relacionando a esfinxe con Exipto, Roma cun gladiador, a guillotina coa Revolución Francesa, etc… Á parte doutros elementos.

Peza de SargadelosMáis adiante colaboraría varias veces coa compañía teatral Os Quinquilláns, a primeira vez coa obra Os Irmandiños, e con moitas outras persoas e compañías do mundo do teatro.

Día da Ilustración, que se celebra cada 30 de xaneiro e lembra e reivindica o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, foi dedicado na edición de 2025 a Vizoso.

En recoñecemento á súa traxectoria, a Biblioteca de Galicia inaugurou en xaneiro de 2025 a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que ofrece un percorrido pola súa vida e obra a través de 86 pezas representativas.

O legado de Xosé Vizoso perdura na cultura galega, reflectindo a súa paixón pola arte e o seu compromiso coa identidade do país.


Fontes consultadas: Wikipedia ; Arraianos ; Didac ; Gaiás. Cidade da Cultura

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies